Sae á luz a 28 edición do Anuario da Gaita da Deputación de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Presentación do 28 Anuario da Gaita

Presentación do 28 Anuario da Gaita

O Anuario da Gaita, editado pola Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, chega este ano a súa 28ª edición. A publicación que foi presentada hoxe no Pazo Provincial é única nas súas características en Galicia e referente mundial, que achega investigación, tradición, cultura e etnografía nunha mesma obra, dedicada integramente ao instrumento senlleiro de Galicia, que conta tamén con estudos sobre a gaita, ademais de colaboracións de expertos e traballos de ámbito histórico.

O acto de hoxe contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Cultura da institución provincial, César Fernández, e o director da Escola Provincial de Gaitas, da Real Banda e coordinador da publicación, Xosé Lois Foxo.

Rosendo Fernández dixo que o Anuario da Gaita “é unha obra de referencia tanto para investigadores como para aquelas persoas e colectivos interesados no estudo da gaita, que recolle cada ano parte da tradición de Ourense e Galicia vencellada ao noso instrumento máis senlleiro, un traballo que non sería posible sen a dedicación e esforzo de Xosé Lois Foxo e o seu equipo”. Rosendo Fernández engadiu que Ourense mantivo dende vellos tempos “unha importante tradición musical, levando a dianteira en moitos sensos en relación ao desenvolvemento da cultura galega, e a Deputación de Ourense ten entre os seus obxectivos poñer en valor todo ese legado cultural, e sinaladamente o que se refire ao noso instrumento máis destacado”.

Pola súa banda, Xosé Lois Foxo explicou que no eido da gaita, o achegamento a este instrumento de forma científica non ten parangón, e que a revista edítase dende o ano 1985, cando se creou a Escola Provincial de Gaitas. “O noso obxectivo é promocionar o mundo da gaita e a todas as xentes que ao longo da historia elevaron este instrumento á categoría que se merece”. Foxo destacou que nesta edición “faise un especial recoñecemento á iconografía da gaita, levando o Anuario á súa portada unha escultura de Alfonso X “O Sabio” tocando a gaita, e na contraportada, unha fotografía da escultura que reproduce a un gaiteiro na Colegiata de Toro.

O traballo de Foxo e da Deputación de Ourense no mantemento das nosas tradicións musicais ponse de manifesto un ano máis con esta publicación, que recolle artigos sobre “Cantareiras”, “Torneado da gaita”, “Panchito Cao, “o gaiteiro de Texas”, estudos sobre “A gaita marcial” e “A gaita rusa”, e todas as actividades desenvolvidas pola Escola de gaitas da Deputación de Ourense e da Real Banda ao longo do ano 2013.

Desta publicación edítanse 600 exemplares que se distribúen entre bibliotecas, colectivos e investigadores de todo o mundo, enviándose a países como Estados Unidos e Xapón e tamén á maioría dos países europeos.

15 de xullo de 2014 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.