Rubén Millán, Cristina Noya, Adrián Sieiro, Cristian Silva e Sergio Vallejo disputarán as finais do Campionato do Mundo en Hungría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+

Rubén Millán, Cristina Noya, Adrián Sieiro, Cristian Silva e Sergio Vallejo disputarán as finais do Campionato do Mundo que se disputa en Hungría. Camila Aldana Morrison, Raquel Dacosta e Tania Fernández competirán nas finais B. A xornada dos padexeiros galegos estivo cargada de bos resultados.

Rubén Millán, compoñente do K-4 1.000 metros, foi un dos máis destacados. O seu barco clasificouse para a final directa ao lograr o mellor rexistro na súa serie. Dominaron a proba desde o inicio até o final. Non deron opcións aos seus adversarios. A final está prevista para o domingo ao mediodía e a embarcación é unha das grandes favoritas para lograr unha medalla.

Adrián Sieiro, tamén na categoría sub-23, completou unha magnífica xornada. Foi terceiro na súa serie C-1 200 e logrou o mesmo lugar na semifinal. Por tanto, logrou o seu obxectivo de estar presente na final.

Cristina Noya, en C-2 500, tamén estará na final da súa categoría. Xunto a Araceli Iglesias, o domingo terá a posibilidade de loitar por unha medalla.

Tania Fernández, en K-2 500 metros, foi terceira na súa serie e cuarta na semifinal. Non lle acompañou a sorte. Por escasa marxe quedou ás portas da final, pero estará na final B.

Na categoría júnior, Sergio Vallejo, en C-1 1.000 metros, disputará este sábado na final. Cristian Silva, xunto a Pedro Vázquez en K-2 1.000 metros, tamén loitará polas medallas na final da distancia.

Pola súa banda, Camila Aldana Morrison e Raquel da Costa, foron quintas en K-2 500 metros e cuartas na semifinal. Estarán presentes na final B.

O Campionato do Mundo dispútase na localidade de Szeged (Hungría) e finalizará o domingo. Son oito os padexeiros galegos os que participan na competición, dos que cinco estarán presentes nas finais.

18 de xullo de 2014 | 22:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.