Rosario Porto e Alfonso Basterra chegan aos xulgados para a vista preliminar

Chegada aos xulgados
Os pais de Asunta, Rosario Porto e Alfonso Basterra, únicos imputados pola morte da nena, chegaron este venres minutos despois das 9,30 horas aos xulgados de Santiago de Compostela, procedentes da prisión coruñesa de Teixeiro para asistir á vista preliminar a que o xuíz decida sobre a apertura de xuízo oral tras concluír a instrución.
Porto e Basterra chegaron aos xulgados nun furgón e un coche da Guardia Civil ante unha nutrida presenza de efectivos policiais. Poucos minutos antes entraba no edificio os avogados da acusación popular, exercida pola Asociación Clara Campoamor, e os letrados das defensas dos imputados, José Luis Gutiérrez Aranguren e Belén Hospido.
Á súa entrada aos xulgados, Gutiérrez Aranguren explicou que na sesión deste venres pedirá o “sobresemento” da causa e reiterará ante o xuíz José Antonio Vázquez Taín a necesidade de levar a cabo “dilixencias que xa foron inadmitidas”.
Nesta sesión, informou o seu letrado, Rosario Porto actuará soamente “como acusada” e non subirá ao estrado como coavogada na causa xunto a Aranguren.
Pola súa banda, o avogado da Asociación Clara Campoamor, Ricardo Pérez Lama, manifestou, a preguntas dos medios, que continuará pedindo para os pais de Asunta “20 anos” de prisión por asasinato.
Tanto a Fiscalía como a acusación popular solicitan a apertura de xuízo oral e piden 18 e 20 anos, respectivamente, para os pais da nena como coautores dun delito de asasinato pola morte da súa filla adoptiva. Mentres, as defensas reclaman a libre absolución dos imputados.











