Rocío Mosquera visita o Hospital de Día de Oncoloxía de Monforte que atende uns 34 pacientes á semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoMonforte de Lemos
A-
A+

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, visitou esta mañá o Hospital de Día de Oncoloxía, que comenzou a funcionar no Hospital Comarcal Monforte de Lemos a principios do pasado mes de abril e que xa atende a unha media de 34 pacientes oncolóxicos cada semana, entre consultas e tratamentos.

Grazas á súa posta en marcha, o Hospital de Monforte administra e fai o seguemento dos tratamentos de quimioterapia dos pacientes da área sanitaria sur da provincia, evitándolles así os desprazamentos a Lugo que estes enfermos precisaban realizar de xeito periódico para recibir os correspondentes tratamentos contra o cancro.

A creación deste novo servizo hospitalario por parte do SERGAS garante, pois, unha maior equidade, universalidade e accesibilidade dos cidadáns á sanidade pública, indistintamente do lugar de residencia. A súa posta en marcha foi posible grazas á colaboración intrahospitalaria derivada da creación das Estruturas de Xestión Integrada, que permite reforzar de xeito importante a dotación dos hospitais comarcais.

Para a implantación desta nova área oncolóxica no Hospital de Monforte, o Servizo Galego de Saúde tivo que acometer obras de reforma, que ademais de mellorar a confortabilidade das instalacións, permitiron duplicar a superficie do Hospital de Día, o que garante unha maior comodidade e intimidade para os pacientes sometidos a este tipo de tratamentos.

Comenzar a administrar os tratamentos de quimioterapia no Hospital de Monforte supuxo, tamén, ter que ampliar a plantilla de profesionais do centro sanitario da cidade do Cabe. A nova área está atendida por oncólogos adscritos ao Servizo de Oncoloxía de referencia do Hospital Universitario Lucus Augusti, en coordinación cos facultativos de cada unha das especialidades que participan na unidade.

Esta unidade conta cun cadro de persoal composto por un facultativo especialista en Oncoloxía, persoal de enfermería e auxiliares, responsables dos coidados relacionados coa administración dos tratamentos e a recuperación dos pacientes do Hospital de Día. Tamén se reforzou o Servizo de Farmacia, que se encarga de subministrar os tratamentos, tanto intravenosos como orais, indicados polos facultativos para a súa administración no Hospital de Día.

Segundo as previsións de actividade contempladas no proxecto de creación do Hospital de Día de Oncoloxía de Monforte de Lemos, a nova unidade do Hospital de Monforte atenderá a unha media anual de 170 pacientes oncolóxicos, que a súa vez asistirán a máis de mil sesións de tratamento quimioterápico, e de aproximadamente 700 consultas de revisión. Na actualidade, o Hospital de Día de Oncoloxía de Monforte atende xa unha media de 34 pacientes oncolóxicos cada semana, que de non contar con este servizo, terían que desprazarse a Lugo.

Durante a súa visita ao Hospital de Día de Oncoloxía, a conselleira de Sanidade agradeceu o traballo de todos os profesionais que fixeron posible a posta en marcha desta nova prestación sanitaria no Hospital de Monforte de Lemos. “Tanto o proxecto de implantación desta unidade, como o seu desenvolvemento contou co apoio de todos os profesionais, aos que quero agradecer a súa colaboración, entre eles aos especialistas do Servizo de Oncoloxía de referencia do Hospital Universitario Lucus Augusti, que controlan os tratamentos e as consultas de revisión directamente dende o Hospital de Monforte de Lemos, aportando a súa experiencia e a gran calidade do seu traballo ao servizo do paciente”, resaltou Rocío Mosquera.

16 de xullo de 2014 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.