Ribadumia convoca os concursos de empanadas e postres caseiros da XIII Festa do Pan do Salnés
O Concello de Ribadumia está a ultimar os preparativos da que será a XII Festa do Pan do Salnés, que se vai celebrar o sábado 9 de agosto entre a Carballeira de Ribadumia e os Muíños do Batán.
A Festa do Pan do Salnés pon en valor a identidade do Concello de Ribadumia, na que os muíños de Barrantes, Sisán, Lois e Batán son un referente patrimonial importante, pero tamén potencia a recuperación de antigas tradicións e costumes en torno á riqueza deste alimento básico. A festa celebrarase cunha representación da moenda do Millo nos muiños do Batán e unha degustación de pan de millo e ovos na Carballeira de Barrantes A concellería de Cultura de Ribadumia xa está traballando para introducir novidades que sigan facendo desta celebración unha cita atractiva para os veciños da comarca.
Ao igual que en anos anteriores, tamén se incluen os concursos de postres caseiros e de empanadas. No primeiro caso, todos os postres presentados deberán levar o pan como un dos seus ingredientes. Entregaranse o propio día da festa, entre as 17.00 e as 19.00 horas na Casa da Cultura de Ribadumia. O primeiro clasificado gañará cen euros, mentres que o premio para o segundo será un trofeo.
No que respecta á cuarta edición do concurso de empanadas, as bases recollen que deben estar elaboradas con fariña de millo, sendo de libre elección os ingredientes de recheo. Cada participante pode entregar como máximo unha empanada, o día da festa na Casa da Cultura de Ribadumia. Os premios son de 150 euros para o primeiro clasificado e un trofeo, para o segundo.











