Rey Varela visita aos menores que participan nos campamentos de verán

Rey Varela na visita ao campamento
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, acompañado da concelleira de Igualdade e Xuventude, Verónica Casal Míguez, visitou hoxe o Campamento de Verán “Babyocio”, que dende a semana pasada se desenvolve nas instalacións municipais da Casa da Xuventude.. Este é un dos tres campamentos gratuítos que ten en marcha o Goberno Municipal para a temporada estival, xunto co “Planeta Verán”, que ten como sede o Centro Cultural Carvalho Calero; e o campamento para a zona rural que ten lugar no local vecinal de Esmelle.
Na súa visita a “Babyocio”, Jose Manuel Rey manifestou a súa satisfacción polo funcionamento destes campamentos cos que dende a Concellería de Igualdade e Xuventude se consegue un dobre obxectivo: por un lado, favorecer a conciliación da vida familiar e laboral; e, por outro, ofrecer aos menores da cidade unha alternativa de ocio e aprendizaxe durante o período de vacacións escolares. Todas as prazas están cubertas polo que no Babyocio –dirixido a nenos/as de 3 a 6 anos- participan 80 menores (40 en xullo e outros 40 en agosto); mentres que o “Planeta Verán” hai 160 prazas para nenos/as de 7 a 12 anos (80 en cada mes da época estival). Así mesmo, no campamento rural de Esmelle hai 40 prazas para menores até os 12 anos e outras 30 prazas para nenos/as con idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos.
Nestes campamentos, os menores levan a cabo actividades lúdicas e de animación, deportivas e artísticas, que están enfocadas á franxa de idade de cada un deles. Como novidade ao respecto doutras edicións, é que se ten ampliado a franxa horaria dos mesmos, comezando a xornada ás 8:30 horas e rematándoa ás 14.30 horas co obxectivo dunha mellor adaptación ao horario laboral dos pais.











