Rey Varela supervisa as obras de reurbanización da praza de Sartaña

Rey Varela na visita ás obras
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez; visitaron esta mañá as obras de reurbanización da praza de Sartaña, no barrio de Ultramar. Esta actuación, que deu comezo a finais do pasado mes de xuño, responde a unha demanda dos veciños de Ultramar e permitirá poñer en valor esta zona como espazo de encontro veciñal.
Jose Manuel Rey manifestou a súa satisfacción polo avance das obras de reacondicionamento da praza de Sartaña e avanzou que a intervención estará finalizada este mesmo ano. “Pido desculpas polas molestias que poidan ocasionar estas obras pero debemos pensar no beneficio que suporá a remodelación desta praza, que quedara moi mellorada e preparada para moitos anos”, engadiu o primeiro edil da cidade. Esta reurbanización da praza de Sartaña centra a súa intervención na mellora da accesibilidade, as bancadas e a pista central así como na creación de novas zonas de xogo para nenos e axardinadas con bancos e mesas. Máis concretamente, se reducirá a pista polideportiva central pero mantendo unhas dimensións que permitan o seu uso como cancha de baloncesto e outros deportes, ao tempo que as bancadas serán completadas co fin de converterse nun elemento esencial para outros usos.
Máis zonas verdes
Para conseguir que a praza de Sartaña sexa un espazo de convivencia e encontro para os veciños de Ultramar se habilitarán novas zonas para nenos e maiores. En canto a zona de xogos, será colocada nun espazo máis recollido e afastado do acceso á rúa onde se instalarán plataformas de caucho continuo con xogos infantís. Así, na zona contigua ao acceso principal dende a rúa Ponzos se situará un amplo espazo axardinado con máis árbores e bancos e mesas.











