Reunión da mesa sectorial de coordinación policial sobre violencia de xénero na Laracha
A Mesa sectorial de coordinación policial sobre violencia de xénero reuniuse hoxe no salón de plenos do Concello da Laracha nunha xuntanza presidida polo alcalde, José Manuel López Varela, na que tamén participaron a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao, a xefa da unidade de coordinación contra a violencia de xénero da Subdelegación do Goberno na Coruña, Judit Fontela, o xefe da Policía Local, José Antonio Arcas, o sarxento do Posto da Garda Civil da Laracha, Emilio Arboiro, e o axente Juan Carlos Rabuñal.
Nesta reunión de traballo repasáronse os protocolos a desenvolver por parte dos diferentes profesionais do Concello e das forzas e corpos de seguridade ante a denuncia ou detección dun caso de violencia de xénero co obxectivo de axilizar, reforzar e facer máis efectiva a cooperación entre eles en beneficio das vítimas.
Falouse, tamén, do programa ATENPRO, que é o servizo telefónico de Atención e Protección para mulleres vítimas de violencia de xénero.
Ademais, acordouse que esta mesa sectorial celebrará sesións ordinarias periódicas e regulares cada tres meses, estando prevista a próxima, por tanto, para o mes de outubro. Xa nesa reunión convidarase a participar á Policía Autonómica, que quedará integrada neste órgano por acordo unanimidade de todos os seus membros ao ser unha forza de seguridade con amplas competencias en materia de protección de menores.
A Mesa de Coordinación de Violencia de Xénero do Concello da Laracha foi constituída en 2010 co propósito de optimizar o traballo que se desenvolve sobre esta temática entre os distintos poderes públicos, facilitando a colaboración entre todos os representantes da mesma (Subdelegación do Goberno, Concello, centros educativos, Policía Local, Garda Civil e centro médico da Laracha).
Esta Mesa de Coordinación de Violencia de Xénero está dividida en dúas mesas sectoriais: a de cooperación policial, que se reuniu hoxe, e a formada polos profesionais dos centros educativos e do centro médico da Laracha, cuxa última xuntanza foi no pasado mes de abril.











