Resultado da consulta do proxecto do parque comercial de Medianas de Canabal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

Entre o 30 de xuño e o 11 de xullo de 2014 a Asociación de Empresarios de Redondela abriu un proceso de consulta entre as empresas asociadas para solicitar a opinión do colectivo respecto ao proxecto do Parque Comercial de medianas.

Metodoloxía:

O proceso de consulta formulouse baixo un modelo de cuestionario que se adxunta a este informe. Dito formulario foi remitido por correo ordinario e electrónico a todos os asociados, xunto coa explicación detallada do proceso: sistema de delegación de votos, horarios de votación, sistema de votación electrónica, etc.

Censo electoral:

O censo de empresas asociadas é de 310 no momento das votación. Para facilitar a participación permitiuse a delegación de voto e a remisión de voto por correo electrónico. Participación:

O total de votos emitidos foi de 165 o que supón unha participación do 53,22%. Por sectores o comercio cun 34,55% foi o que mais participou no proceso, seguido pola hostalaría cun 19,39%, o sector servizos 18,79% a industria cun 18,18% e o resto non consignou o dato do sector.

Respecto a participación por parroquias, Redondela cun 70,91% foi a parroquia con maior participación.

Análise dos votos EN CONTRA:

Dos votos emitidos EN CONTRA do proxecto o 69,05% corresponden ao sector comercial. O 85,71% destes votos en contra correspondese a empresas localizadas na vila de Redondela. Polo tanto é o pequeno comercio da Vila de Redondela o que percibe unha maior ameaza á execución deste proxecto.

Análise dos votos A FAVOR:

O 65,57% dos votos a favor do proxecto foron emitidos por empresas con domicilio na parroquia de Redondela, representando o comercio o 22,95% dos votos a favor. Por sectores o principal respaldo ao proxecto ven da man do sector industrial cun 24,59%, a hostalaría cun 22,95% ao igual que o comercio e os servizos un 21,31%, o 8,20% restante correspondese con empresas que non consignaron a súa actividade.

Comparativa A FAVOR/EN CONTRA:

A análise detallada dos votos A FAVOR e EN CONTRA nos mostra como o sector comercial é o que está mais dividido. O 50% dos votos emitidos polo sector comercial rexeitan o proxecto, o 48,28% o apoian e apenas un 1,72% optou pola abstención.

O sector hostaleiro pronunciase maioritariamente a favor cun 87,50%, fronte a un 12,50% que vota en contra.

O 83,87% dos votos emitidos por empresas do sector servizos o fixeron a favor do proxecto fronte a un 16,13% que o fixeron en contra.

Pola súa banda, o sector industrial mostra un apoio unánime ao proxecto. O 100% dos votos emitidos polo sector industrial son a favor.

Respecto as empresa que non consignaron os datos relativos a súa actividade tamén reflicten un apoio ao proxecto cun 71,43% dos votos a favor e un 28,57% en contra.

Reserva de espazo para as empresas asociadas:

Respecto a condición de manter a reserva de espazo en condicións preferentes para as empresas asociadas a maioría dos votos non a consideran necesaria. O 73,94% do total de votos considera que non fronte ao 12,73% que si esixe manter a prioridade para ás empresas asociadas tal e como se contemplaba no convenio inicial. Un 13,33% non se pronuncia ao respecto. A posición respecto desta condición de reserva mostra resultados moi diferenciados entre os voto a favor e en contra do proxecto. Mentres o 90,16% das empresas que votaron a favor consideran que non debe manterse esta condición de reserva, a posición das empresas que votaron en contra está totalmente dividida un 28,57% postúlase a favor do si e outro 28,57% o fai a favor do non, mantendo a abstención respecto a esta pregunta un significativo 42,86% dos votos en contra do proxecto.

Condicionantes:

Indistintamente do posicionamento a favor ou en contra do proxecto, ambas posturas están suxeitas a unha serie de demandas ou condicionantes tanto dirixidas aos promotores do proxecto como á administración local. Así o 18% das empresas que están a favor do proxecto expresan unha serie de condicións necesarias para a execución do mesmo. Este porcentaxe elévase ao 45% no caso das empresas que se pronuncian en contra do proxecto.

Respecto das condicións necesarias que se establecerían á parte promotora do proxecto son as seguintes:

> Número máximos de establecementos: entre 7 e 10 establecementos é o número máximo que se considera óptimo para garantir as condicións previstas

> Superficie mínima: a condición de superficie mínima situase en 500m2.

> Outros dos condicionantes impostos ao promotores son por esta orde:

– Non permitir o subarrendamento parcial dos locais.

– Indivisibilidade dos establecementos instalados.

– Acceso aos establecementos só dende o exterior.

– Non permitir o formato de “galerías comerciais”

Por outra banda, o orde de condicións necesarias que debería asumir a administración son:

> Humanización do entorno de Vilavella.

> Mellora da conectividade peonil co casco urbano.

17 de xullo de 2014 | 12:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.