publicidade hoxe

Redúcense nun 80% o número de parcelas no concello de Oza-Cesuras tras o proceso de concentración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOza/Cesuras
A-
A+
Rosa Quintana na entrega títulos de concentración parcelaria

Rosa Quintana na entrega títulos de concentración parcelaria

A ampliación da superficie territorial convértese nun factor determinante para incrementar a capacidade produtiva das explotacións agrarias, para aumentar a súa rendibilidade e contribuír á revalorización da terra. Para facer posible todo isto cobran especial importancia os procesos de concentración parcelaria. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na entrega de títulos da concentración de Filgueira de Traba, no concello coruñés de Oza-Cesuras.

Segundo a conselleira, a culminación de procesos como este supón a mellora e modernización das explotacións agrícolas, a reordenación do monte e o acondicionamento e apertura de vías de comunicación de acceso ás novas fincas.

Esta actuación –dixo tamén Rosa Quintana– contribuirá a minorar o risco de incendios forestais e a incrementar a base territorial das explotacións. Neste caso, a conselleira felicitouse polos resultados da concentración, xa que “o traballo o esforzo, a colaboración de todos e o investimento de preto de 1,7 millóns de euros permitiron a reorganización de 743 hectáreas pertencentes a 403 propietarios, pasando das 3.720 parcelas iniciais a 787 fincas, cunha superficie media de 9.300 metros cadrados”. Ademais, a rede de camiños desta concentración acada os 36,5 quilómetros.

A conselleira destacou tamén que con esta concentración a superficie concentrada do concello achégase ás 15.160 hectáreas, case que a metade do termo municipal de Oza-Cesures.

Cara o porvir, Rosa Quintana explicou que “os novos tempos, as novas esixencias sociais, poñen de manifesto que o actual modelo de concentración parcelaria require dunha adaptación ás necesidades presentes e futuras”.

Por iso –engadiu–, “desde o Goberno da Xunta adquirimos o compromiso de elaborar unha Lei de Mellora da Estrutura Territorial de Galicia que introduce o concepto de reestruturación parcelaria, que consideramos moito máis axeitado ás demandas do rural”. Esta norma suporá, entre outros beneficios, a imprescindible simplificación dos trámites, custos e prazos actuais da concentración parcelaria.

1 de xullo de 2014 | 13:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.