Rafa Luz renova polo Rio Natura Monbus
O Rio Natura Monbus e Rafa Luz alcanzaron un acordo para renovar o contrato que os une para a tempada 2014/15. Desta maneira, o base brasileiro de 1,88 metros e 22 anos cumprirá a súa terceira tempada aos mandos do equipo galego.
Na pasada campaña, o brasileiro con pasaporte español promediou 6.2 puntos e 3.4 asistencias para 8.1 de valoración en 22 minutos de xogo.
Internacional Absoluto (prata no Torneo das Américas Arxentina’11), U17 e U16, Luz atópase actualmente co seu combinado nacional preparando o Mundobasket de España’2014.
“A renovación de Rafa é unha boa noticia para todos. Nun equipo con numerosas novidades, a permanencia da base supón unha dose de continuidade que considerabamos importante. A pesar da súa mocidade, os máis de 130 partidos ACB que acumula e a propia configuración do equipo produto da nosa realidade outorgaranlle unha maior responsabilidade dentro e fóra da pista. Estamos seguros de que será capaz de asumila con madurez e compromiso e continúe progresando como director de xogo, tal e como fixo nestas dúas tempadas connosco”, afirma o director xeral do club, José Luís Mateo.











