Quintana destaca a implicación do GAC da ría de Pontevedra coa mocidade
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, deu a noraboa ao Grupo de Acción Costeira da ría de Pontevedra, GAC 6, pola súa implicación coa mocidade, a base e futuro dun sector tan importante como é o mundo do mar en xeral, sinalou. Fíxoo durante o acto de entrega de diplomas a 50 nenos e nenas participantes na I Escola de Verán Acción Costeira, unha iniciativa deste GAC.
A conselleira explicou que o obxectivo deste proxecto é poñer en valor e dar a coñecer aos máis novos os distintos traballos e os distintos sectores do mar da área da Ría de Pontevedra. De feito, a través deste proxectos os rapaces/as visitaron a Illa de Ons e aprenderon as particularidades da fauna e a flora da illa foron pescar na ría, a mariscar en Poio, a aprender cómo realizan o seu traballo as redeiras de Portonovo e viron o resultado destas actividades asistindo á lonxa de Bueu. Ademais os mozos e mozas tamén coñeceron os avances que se van producindo nos barcos e no Museo Massó onde aprenderon aspectos da industria conserveira. Tamén visitaron o buque escola Juan Sebastián Elcano.
Este proxecto contou cunha subvención de máis de 15.600 euros do eixo 4 do Fondo Europeo da Pesca e a través del búscase fomentar a cultura mariñeira entre os nenos e nenas da zona a través de campamentos de verán en horario laboral, ofrecendo iniciativas relacionadas coa actividade pesqueira e marítima en xeral. Esta escola de Marín ten un blog http://escoladeveranacccioncosteira.blogspot.com.es/. Nel recóllense todas as actividades que fixeron os escolares con fotos.











