Publícase a orde de aprobación definitiva do PXOM de Cerdedo
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do municipio pontevedrés de Cerdedo. A sinatura da orde de aprobación deste documento foi o primeiro acto oficial da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, tras o seu nomeamento a finais de xuño.
En base a este documento urbanístico planificase o concello do futuro, concretamente o dos vindeiros 14 anos. O novo plan xeral clasifica como solo rústico protexido máis do 96% da súa superficie: preto do 19% é solo rústico de protección de espazos naturais, entre os que se atopan tres espazos de Rede Natura 2000 -o río Lérez, as Brañas do Xestoso e a Serra do Cando- e os humedais presentes no LIC da Serra do Cando: Rego do Areal e as Brañas do Xestoso; e máis de 5 km2 do concello corresponden con solo rústico de protección de augas, xa que hai tres leitos fluviais: Lérez, Castro e Quireza.
Cerdedo únese así á lista dos municipios galegos que contan cun planeamento adaptado á lei vixente, 76 en total en Galicia. Este é o décimo quinto PXOM con aprobación definitiva nesta lexislatura, o que marca a folla de ruta do desenvolvemento deste concello nos vindeiros anos. Tamén os tres concellos da comarca de Tabeirós- Terra de Montes (Forcarei, A Estrada e Cerdedo) contan xa cun Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Clasificación
A clasificación proposta no plan delimita 51 núcleos rurais, dos que 39 están clasificados como histórico-tradicionais.
Respecto ao solo urbano, o PXOM establece como solo urbano consolidado máis de 180.000 metros cadrados, onde se inclúen os preto de 30.000 m2 de solo industrial incluídos no polígono empresarial do Sangal; e como solo urbano non consolidado, preto de 30.000 m2 para completar a trama urbana.
Este documento remarca que, de cara ao futuro, o PXOM determina o desenvolvemento dun solo urbanizable non delimitado de uso industrial de arredor de 1 millón de metros cadrados, situado no lugar de Folgoso, e incluído no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia. O PXOM tamén recolle a Eira grande de Pedre e 21 hórreos en Figueira como elementos patrimoniais a protexer.
Neste plan estímase unha capacidade residencial total de 2.604 vivendas no concello, das que unhas 775 serían novas, na súa meirande parte en solo de núcleo rural.
En relación ás dotacións, o plan xeral prevé preto de 93.000 m2 para espazos libres e zonas verdes, un 15% máis do esixido por lei e preto de 42.000 m2 para equipamento comunitario, o que supón un 55% máis do legalmente establecido.











