Preséntase na Biblioteca de Verín o libro ‘Proxectos aldeas de Monterrei’
A Biblioteca Pública Municipal de Verín acolle este venres 18 de xullo, a partir das 19.30 horas, a presentación do libro ‘Proxecto aldeas de Monterrei’, de Bruno Rúa Martínez.
Esta obra ten como obxectivo fundamental divulgar o patrimonio arqueolóxico e cultural, lendas, anécdotas que compilou o autor en máis de 170 aldeas desta comarca do sur de Ourense.
Bruno Rúa Martínez (Verín, 1972) é filósofo, músico e arqueólogo. Estudou filosofía en Santiago de Compostela ao tempo que formación musical en canto, participando en 11 óperas e incontables concertos de música coral e sinfónica. Non se trata da primeira obra que publica, xa que no ano 2011 tamén presentou nesta instalación municipal o libro ‘Guía Arqueolóxica do Alto Támega’, que ademais de divulgar o patrimonio da zona incorporaba un corpus lendario que rodea á maioría destes achados, acrecentando o acervo etnográfico desta zona do sur de Galicia.











