Preséntase a programación do Ciclo Principal do Teatro Rosalía Castro
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou a programación do Ciclo Principal do Teatro Rosalía Castro para o últimos catro meses do ano, que inclúe un total de 10 espectáculos. “Seguimos traballando para consolidar esta programación con propostas de gran calidade e para todos os gustos porque o principal obxectivo é que a Cultura estea ao alcance de todos os coruñeses e que a xente vaia ao teatro, e isto conséguese cunha programación de calidade, con propostas para todo tipo de públicos e con prezos alcanzables”, destacou.
Neste sentido, destacou que entre os proxectos que pisarán as táboas do Rosalía entre os meses de setembro e decembro, haberá moito teatro galego, grandes éxitos nacionais e internacionais, teatro clásico e propostas máis arriscadas e innovadoras. “Estamos atentos ao que pasa teatralmente en todo o estado e para iso buscamos, na medida do posible, ofrecer propostas de todos os territorios españois. Así, agora podemos anunciar propostas andaluzas, vascas, madrileñas e galegas. Son todas propostas de calidade, en varios casos coa etiqueta de Recomendado pola Rede Española de Teatros e co aval de estar coproducidas polas máis prestixiosas unidades de produción teatral como a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Festival tempada Alta, ou Teatro Español”, explicou.
“O noso desexo -continuou- é que a xente se achegue ao teatro e as artes escénicas e goce dos grandes espectáculos, directores e actores que durante os próximos meses pisarán o Rosalía, como Luís Zahera, Manuela Velasco, Fran Perea, Fina Calleja, Sergi López, Malena Alterio, Fernando Dacosta ou Nuria Espert , que volve embarcarse nun ambicioso proxecto cun clásico de Shakespeare”.
A concelleira de Cultura explicou que a programación, que arrincará o venres 19 de setembro e concluirá o 20 de decembro, mantén o formato doutras edicións con dúas funcións por obra -venres e sábados-, excepto para La violación de Lucrecia, que se representa o xoves 25 de setembro, e Non Solum, que chega á cidade o domingo 14 de decembro.
Tamén se porán á venda abonos cun desconto do 25%, así como entradas soltas, que se empezarán a vender a partir do 8 de setembro.
Ademais, a Concellaría de Cultura trata de facilitar aos abonados actuais, case 600, a posibilidade de renovar a súa entrada. Así, entre o 15 de xullo e o 2 de setembro estará aberto o prazo de renovación de butacas en exclusiva para os abonados. Poden realizar a súa solicitude no despacho de billetes da praza de Ourense (en horario de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas) ou a través do servizo de televenta no número 902 504 500 (de luns a sábado de 08.00 a 22.00 horas). Cada abonado terá que reservar a localidade que ocupou no ciclo de primavera e manter o mesmo tipo de abono, é dicir, os venres ou os sábados.
No caso de que un abonado decida, para esta ocasión, cambiar de asento ou de día só poderá optar ás localidades non ocupadas por outros abonados ou ben acudir ao despacho de billetes da praza de Ourense o 3 de setembro para acceder aos asentos que deixen libres os abonados que non renoven. A área de Cultura fixa o 4 e 5 de setembro para novos abonados, e a partir do 8 de setembro a venda de entradas soltas.
PROGRAMACIÓN COMPLETA
A continuación, detállanse o dez obras que se inclúen dentro da primeira parte da programación do Ciclo Principal de Outono 2014 do Teatro Rosalía para o próximo ano:
– 19 e 20 de setembro, Demolición (Talía Teatro), de Cándido Pazó; con Toño Casais e Artur Trillo. Tarifa B.
– 25 de setembro, La violación de Lucrecia (Producións Seoane), obra de William Shakespeare, dirixida por Miguel do Arco. Con Nuria Espert. (Recomendada Comisións Artísticas da Rede). Tarifa A.
– 3 e 4 de outubro, A continuidade dos parques (Coprodución de Barco Pirata Producións Teatrais con Teatro Español), de Jaime Pujol, dirixida por Sergio Pérez – Mencheta. Con Roberto Álvarez, Fele Martínez, Gorka Otxoa, Luís Zahera e Marta Solaz. Tarifa A.
– 10 e 11 de outubro, En un lugar del Quijote (Coprodución de Ron Lalá e CNTC), versión libre da novela de Miguel de Cervantes, dirixida por Yayo Cáceres. Con Juan Canas, Íñigo Echevarría, Daniel Rovalher, Álvaro Tato e Miguel Magdalena. (Recomendada Comisións Artísticas da Rede; Permios Max 2013). Tarifa Especial.
– 24 e 25 de outubro, Feelgood (Coprodución de Teatro Español, Producións [off] e armazóns), de Alistair Beaton, con dirección de Alberto Castrillo – Ferrer. Con Jorge Usón, Ainhoa Santamaría, Fran Perea, Manuela Velasco, Javi Coll e Javier Márquez. (Recomendada Comisións Artísticas da Rede). Tarifa Especial.
– 7 e 8 de novembro, A idade de Pavía (Sarabela Teatro SL), de Arístides Vargas, con dirección de Ánxeles Cuña Bóveda. Con Fina Calleja, Nate Borrajo, Sabela Gago, Fernando Dacosta. Tarifa B.
– 21 e 22 de novembro, Tomar partido (Producido por Fundición Producións -Sevilla-, en colaboración con FOCUS -Barcelona-; coproducido pola Axencia Andaluza de Institucións Culturais), de Ronald Harwood e dirección de Pedro Álvarez Osorio. Con Eduardo Velasco, Roberto Quintana, Emilio Alonso, José Manuel Poga, Rocío Borrallo e José David Gil. (Recomendada Comisións Artísticas da Rede). Tarifa A.
– 12 e 13 de decembro, 30/40 Linvingston (Coprodución de SetzeFetges, Associats-Ring de Teatro-Festival e Tempada Alta 2011), de Sergi López e Jorge Picou. Tarifa A.
– 14 de decembro, Non Solum (Coprodución de SerzeFetges Associats e Ring de Teatro, coa colaboración de Festival Tempada Alta´05), de Sergi López e Jorge Picou. Con Sergi López. Tarifa B.
– 19 e 20 de decembro, Emilia (Producións Teatrais Contemporáneas, SL), de Claudio Tolcachir. Con Gloria Muñoz, Malena Alterio, Alfonso Lara, Daniel Grao e David Castelo. (Recomendada Comisións Artísticas da Rede). Tarifa E.











