Prazas disponibles para as quenda dos campamentos infantís de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, informa de que que aínda quedan prazas disponibles para os campamentos estivais, “Mañás de verán”, interesados en participar na 2ª, 3ª e 4ª quincenas.

O campamento matinal “Mañás de verán” desenvolverase nos meses de xullo e agosto e está dirixido ós escolares de Mos. Realizarase nas instalacións do CEIP Mestre Valverde Maio de luns a venres en horario de 9 a 14 horas.

Un ano máis, a Concellería de Educación do Concello de Mos pon en marcha os campamentos matinais para os nenos e nenas do concello en idade escolar. Esta experiencia fará que os nenos e nenas se divirtan, aprendan a relacionarse, compartan actividades e sobre todo vivirán novas e enriquecedoras experiencias. Como en anos anteriores, brindaránselles ós cativos actividades únicas para a educación cognitiva, social e afectiva dos participantes, cunha organización responsable, coherente e profesional, garantindo a harmonía, a convivencia, a alegría e o benestar de todos/as. Con esta iniciativa, ofrecécese de novo unha ferramenta de conciliación entre a vida laboral e familiar para os habitantes do Concello, de xeito que nesta época estival os rapaces e rapazas poidan gozar dun ocio saudable e de calidade dirixido a través de prácticas educativas.

Os obxectivos que se persiguen con esta iniciativa son facilitar a conciliación da vida laboral e familiar no período de vacacións escolares, promover a calidade de vida dos nenos/as de Mos e das súas familias, potenciar a educación en valores e hábitos saudables, favorecer o coñecemento da diversidade e riqueza natural do noso entorno e facer deste proxecto unha experiencia divertida e inesquecible para os rapaces e rapazas do Concello.

As actividades distribuiranse en 4 quendas a primeira quenda xa comezou hoxe e dura ata o día 15 de xullo. 2ª quenda: do 16 ao 31 de xullo (ambos inclusive), 3ª quenda: do 1 agosto ao 14 de agosto (ambos inclusive), e 4ª quenda: do 19 ao 30 de agosto (ambos inclusive).

As persoas interesadas en participar deberán cubrir unha solicitude de inscrición para o campamento debidamente asinada polo pai/nai ou titor do/a menor e achegando o que nela se solicita, facendo constar a quenda na que o/a menor está interesado/a. De quedar prazas vacantes os/as participantes poderán solicitar participar noutra das quendas onde se terá en conta a necesidade familiar coa conciliación da vida laboral, de haber máis solicitudes que prazas dispoñibles. A solicitude de inscrición estará a disposición do público, na Concellería de Educación no edificio Multiusos, no rexistro do Concello e na páxina web do Concello, apartado descargas.

Os servizos incluídos no programa son campamento, aula matinal e comedor. O campamento será de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres. Dentro do horario do campamento intercalaranse actividades Lúdicas, Deportivas, Xogos e Obradoiros e 2 saídas por quenda. Para máis información chamar ao departamento de Educación 986 339404.

2 de xullo de 2014 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.