publicidade hoxe

Potenciar o medio ambiente foi a principal inquietude na xuntanza participativa de Becerreá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLugo
A-
A+

A singularidade paisaxística e medioambiental dos Ancares é unha fonte de recursos económicos que hai que aproveitar. En torno a este argumento xirou a xuntanza cos veciños que celebrou onte a Deputación de Lugo na Casa da Cultura de Becerreá para elaborar os primeiros orzamentos participativos dun organismo provincial en España. Os asistentes á asemblea, ó redor de 60 persoas, deixaron patente a necesidade de conciliar a protección do entorno co desenvolvemento económico, e que figuras como a Rede Natura e a Reserva da Biosfera sirvan realmente para dinamizar a comarca, crear emprego e frear o grave despoboamento que padece.  

Como nas seis reunións precedentes, o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e os deputados de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, conduciron a xuntanza de onte en Becerreá. A Rede Natura e as limitacións impostas pola administración competente, a Xunta, centraron parte do debate, no que o Presidente ratificou “o malestar dos cidadáns” coa xestión da administración galega neste eido. “A xente percibe que a Rede Natura é un lastre, que xenera máis problemas que beneficios, cando non tiña que ser así, pois esta figura debería atraer investimentos, como fai en países como Francia, onde, por exemplo, os permisos concédense ó día seguinte; aquí tardan meses”, sinalou.

A creación dun banco de casas deshabitadas para favorecer o asentamento de novos veciños, poñendo en contacto ós vendedores cos posibles compradores das vivendas, foi unha das novidosas propostas para reactivar o rural que saíu da xuntanza, unha iniciativa coa que se daría resposta ás demandas da denominada corrente de “novos rurais”.

“Quen descontamine, que cobre”

O autor doutra das propostas resumiu así a súa esencia: “Se quen contamina paga, quen descontamine, que cobre”, unha medida que contribuiría a aumentar a rendibilidade das actividades do rural e, con elo, a recuperar poboación.

Outra das suxerencias no ámbito da promoción do medio ambiente foi a creación dunha páxina web sobre os recursos dos Ancares, ante a que o Presidente respondeu que a Deputación presenta e activa esta mesma mañá unha web.

Na asemblea reclamouse que a Xunta constrúa a residencia da terceira idade de Becerreá precisamente para mellorar a calidade de vida e xerar emprego no rural.

Gómez Besteiro lembrou as actuacións máis destacadas que a Deputación emprendeu en apoio do medio ambiente como oportunidade económica, como o primeiro centro de recría de gando de España que constrúe en Castro de Rei, o centro cinexético que abrirá na finca monfortina de Tor, o centro de despece de caza da Fonsagrada, as axudas que convocou por primeira vez este ano para recuperar terras abandonadas ou o plan de emprego en marcha que prima ós Concellos da Rede Natura.

Entre os asistentes, houbo felicitacións e agradecementos á Deputación por levar adiante esta iniciativa, ademais de mostrar o seu desexo de que continúe e mellore nos vindeiros anos. Unha das participantes valorou así mesmo o apoio do organismo provincial á cultura, á lingua e ó deporte, e animou a que manteña esa liña de traballo, sobre todo enfocada ós máis pequenos.

Tamén se propuxo que sexa a propia institución provincial a que xestione directamente os plans de emprego que desenvolve nos concellos. Neste eido, un dos asistentes reclamou que as administracións se volquen coa xente nova, “que agora ten que saír fóra porque aquí non hai traballo”, pero tamén cos parados maiores de 50 anos, pois teñen grandes dificultades para volver a entrar no mercado laboral, cando en moitos casos “están moi capacitados”.

As tres prioridades

Tras a introdución e a fase de intervencións, chegou o momento de cubrir as fichas de participación cidadá, nas que os veciños elixiron cales son, ó seu entender, as prioridades polas que debe apostar o orzamento da Deputación no seu partido xudicial. De entre 12 áreas de actuación, seleccionaron 3, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria. As áreas sobre as que puntuar son as seguintes: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. O fomento do emprego, cun 55%, foi a área que marcaron maioritariamente os asistentes á xuntanza de Becerreá, seguido de infraestruturas, cun 16%, e coidado do medio ambiente e cultura e lingua, empatados cun 7%.

Hoxe, en Mondoñedo

Esta mesma tarde está prevista a xuntanza participativa do partido xudicial de Mondoñedo, ás 19:30 horas, na Casa da Xuventude, á que están convocadas todas persoas maiores de 16 anos empadroadas no propio concello mindoniense e nos de Abadín, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Riotorto, Trabada, O Valadouro, A Pastoriza, A Pontenova e Ribadeo.

As asembleas concluirán mañá coa do partido xudicial de Lugo, ás 19:30 horas, no Salón de Actos da Deputación. No obstante, os veciños dos 67 Concellos da provincia poden facer ata o 10 de setembro as súas aportacións no portal web www.orzamentosparticipativos.com

30 de xullo de 2014 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.