Posta en marcha do comité provincial de Pontevedra de coordinacion policial contra os incendios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Reunión do comité de coordinación provincial

Reunión do comité de coordinación provincial

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e a delegada territorial en Vigo, María José Bravo Bosch, presidiron esta mañá, na planta novena do Edificio Administrativo da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, o Comité de Coordinación Policial Contra Incendios de cara a posta en marcha de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delituosa incendiaria.

Na xuntanza estiveron tamén presentes membros da Xefatura Territorial de Medio Rural, da Policía Autonómica e Nacional, representantes da Subdelegación do Goberno e do Exército, Fiscalía de Pontevedra e responsables da Guarda Civil, así como os responsables dos distritos forestais do Deza, Baixo Miño, Paradanta e Caldas.

Durante a reunión presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña e a competencia que terá cada un deles a través do plan PLADIGA 2013, ademais de implantar medidas extraordinarias de prevención de incendios e de protección dos montes nas Parroquias de Alta Actividade Incendiaria – PAAI. Tamén se tratará de identificar e delimitar este tipo de zonas nos concellos de Dozón, Agolada, Cerdedo, Arbo, As Neves, A Cañiza, Tomiño, Soutomaior, Porriño, Salceda de Caselas, Poio, Vigo, Caldas de Reis e A Lama.

A maiores, segundo se explicou na reunión, vaise mellorar a investigación en relación coa determinación das causas dos incendios forestais. Con este fin, potenciaranse as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais (BIIF) con a emisión de informe de oficio sobre as condicións dos predios afectados por incendios forestais cando estas dificultasen as labores de extinción.

Na presente campaña participarán 102 brigadas, 3 helicópteros de transporte con 6 brigadas e 41 motobombas da Xunta e 11 municipais con convenio, aos que haberá que sumar os GES, os parques de bombeiros facendo un total de 1192 persoas. A todo o anterior hai que engadir, ademais de 4 coordinadores da Policía Nacional, con 24 policías autonómicos dedicados en exclusiva a estas labores así como con 80 membros da Garda Civil do Seprona e, dende fai un mes, un destacamento de cabalería deste corpo que está a patrullar no distrito do Condado-A Paradanta.

Durante a reunión, apuntouse á posta en marcha de convenios entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e Concellos para tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade municipal actuando sobre 1.550 quilómetros.
Deste conxunto de actuacións, segundo se desprendeu da reunión celebrada hoxe, o obxectivo para este ano 2014 na loita contra os incendios é manterse en valores medios e tender a medio e longo prazo a diminución tanto do número de lumes como da superficie queimada.

De feito, dende o comite policial insistiuse na importancia da “colaboración cidadá para a detección dos lumes, coa fin de intervir o mais axiña posible”. “É moi importante recordar á cidadanía que a partir do 1 de xullo e ata o 30 de setembro está prohibido facer queimas en toda Galicia, sen excepcións”, explicou o delegado territorial de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Pola súa banda, María José Bravo Bosch matizou que “hai que continuar a concienciar á poboación escolar sobre os valores e defensa do monte a través do Plan de divulgación”. Trátase dunha iniciativa realizada por técnicos, axentes forestais en centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria, e coordinado dende os Distritos Forestais coa participación no Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do proxecto “O Monte Vivo e Montentérate” no marco do Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2016.
 

9 de xullo de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.