Posta en marcha das obras de mellora da instalación eléctrica do CEIP Manuel Sineiro de Crecente
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou esta mañá a alcaldesa de Crecente, Marisol Gómez Domínguez, a posta en marcha en breve das obras de mellora da instalación eléctrica do CEIP Manuel Sineiro da localidade.
Así llo comunicou durante o encontro que ambos mantiveron no despacho do delegado territorial no edificio administrativo de Pontevedra.
A obra suporá a mellora da instalación eléctrica deste colexio que xa sufriu varios incidentes dado os problemas que presenta. Así, cambiaranse contadores, revisaranse as luces de emerxencia e tódolos cadros eléctricos. “O orzamento desta obra é de 57.000 euros”, explicou Cores Tourís.
A maiores, durante o encontro, a alcaldesa de Crecente trasladoulle ao delegado territorial outras demandas, en relación á mellora de estradas. Así solicitou que a administración autonómica colaborase co municipio na roza de varios camiños, así como o reasfaltado da PO-400, estrada que enlaza Arbo co municipio ourensán de Ribadavia, “co obxectivo”, segundo explicou Marisol Gómez, “de mellorar a seguridade viaria, xa que conta con numerosas deficiencias, especialmente no entorno do acceso ao centro urbano do municipio”.