Portos de Galicia e responsables dos programas de turismo náutico de Francia e Portugal estudan propostas conxuntas
Portos de Galicia consensuará cos responsables dos programas de turismo náutico de Francia e Portugal as propostas a incluir no proxecto europeo NEA 3, orientado á náutica recreativa, a formación, sustentabilidade ambiental e accesibilidade ás infraestruturas no sector do ocio marítimo. Con este obxectivo, o ente público participará nos vindeiros días en sendas reunións de traballo en Cambados e Oporto, nas que estarán presentes altos cargos da Administración turística e náutica francesa e portuguesa.
O NEA 3, continuidade do programa NEA 2 da Unión Europea no que Portos de Galicia mantivo tamén unha participación activa, define tres piares de actuación para continuar avanzando no desenvolvemento da náutica recreativa: o social, o económico e o medioambiental. En concreto, no caso da nosa comunidade, este tercer piar constitúe a liña fundamental de actuación dos socios dos proxecto, entre os que se atopan representantes da Administración autonómica, administracións locais e axentes empresariais do sector náutico.
Nas reunións das próximas semanas, Portos de Galicia e os representantes das administracións portuguesa e francesa realizarán unha posta en común dos seus obxectivos, de modo que quede definida unha proposta conxunta para introducir no programa internacional. En liñas xerais, as tres administracións centrarán as súas aportacións en fixar accións de sensibilización e educación ambiental, a través de investigación e formación.
Pola súa parte, Portos de Galicia fará especial fincapé en trasladar ao NEA 3 as directrices recollidas no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa de Galicia elaborado polo ente público para o horizonte 2012-2020. Entre elas destacan as orientadas a accións medioambientais, como a consecución do maior número de distintivos Bandeira Azul para os peiraos deportivos; e sociais, como a adaptación das infraestruturas e servizos portuarios para persoas con discapacidade.
Ademáis, Portos de Galicia apostará polas accións de formación e difusión da náutica recreativa, como as aulas naúticas. Entre elas destacáronse as orientadas a maiores, nenos, mulleres e persoas con discapacidade. Finalmente, incidirá tamén na importancia de desenvolver e divulgar, co apoio do programa internacional, a cultura e o patrimonio marítimo de Galicia.
Coa participación no NEA 3, Portos de Galicia dá continuidade ás diferentes accións que o ente público está a desenvolver para rendibilizar as instalacións portuarias e acadar o maior aproveitamento económico do sector náutico recreativo, que dende a Xunta de Galicia enténdese como dinamizador turístico e motor de xeración de riqueza e emprego. Con este fin último o ente público está a canalizar os fondos finalistas achegados por distintas administracións para os proxectos que permiten a maior difusión desta actividade económica e a optimización do seu potencial para abrir novas vías de negocio.











