Ponteverán continúa as súas actividades cos obradoiros de arte, fotografía, informática e galletas, entre outros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Esta semana continúa o obradoiro de Coro Moderno no Local de Música con 30 mozos e mozas participantes de 16 a 35 anos. Esta actividade ten lugar todos os luns de xullo e agosto, en horario de 20,30 a 22,30h. e o que se pretende é configurar un grupo estable de xente para practicar ao longo de todo o ano esta actividade musical, lúdica e cultural.

O mércores 16 e de 11 a 14h. na Casa Azul, 15 mozos e mozas participarán tamén no obradoiro de Talla de Sandía impartido por Daniel Diéguez, para logo o xoves 17 participar outras 15 persoas no obradoiro de Galletas á mesma hora e lugar.

Tamén mañá mércores ás 14,30h. partirán do Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra cara o Xurés un grupo de 20 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 13 e 15 anos para pasar alí 8 días de campamento no Albergue Sustinea situado neste parque natural. O día 25 partirá outro grupo de 20 nenos e nenas ao mesmo lugar pero esta vez serán os pequenos de entre 10 e 12 anos.

E xa esta fin de semana, o día 19 acudirán en excursión á cidade de Coruña, un grupo de skaters que se inscribiron nesta actividade que os levará a practicar skate nunha skatepraza que eles mesmos escolleron e propuxeron á organización do Ponteverán. Esta é unha actividade que non se puido realizar en Noites Abertas debido á climatoloxía polo que foi adiada ao verán ao igual que sucedeu o ano pasado. Saírán ás 9h en autobús dende o Pavillón MUnicipal dos Deportes.

Tamén esta fin de semana comeza o obradoiro de fotografía que se imparte no medio natural e urbano, Fotorroteiros. Un grupo de 15 mozos e mozas de entre 14 e 35 anos, participarán durante estas dúas fins de semana e en horario de 9 a 14h. destas sesións teóricoprácticas impartidas polo fotógrafo Víctor Barro.

Ao mesmo tempo, esta semana estase a desenvolver no Pazo da Cultura o Obradoiro de Arte contemporánea dirixido a 20 nenos e nenas de 8 a 12 anos. A semana que vén comezará o Obradoiro de Lecer crítico e construtivo no que participarán outros 20 nenos e nenas desas mesmas idades.

Todas estas actividades de Ponteverán son gratuítas agás os obradoiros de cociña e de fotografía que teñen unha cota ordinaria de tan só 10€ á cal logo se lle aplica o desconto correspondente. A programación de Ponteverán continúa a semana próxima e durante todo o veán en Pontevedra e está dirixida á xente nova dende os 8 ata os 35 anos, con actividades moi diversas, deseñadas para cada grupo de idade e incluso algunhas interxeracionais nas que pode participar toda a familia. En total son 1004 prazas as que oferta o programa, das cales se cubren a maioría posto que practicamente todas as actividades contan con lista de agarda.

Consultar a programación en www.xuventude.pontevedra.eu ou na propia Oficina de Xuventude do Concello de Pontevedra, de lusn a venres e de 9 a 14h. na Casa Azul, 3º andar.

15 de xullo de 2014 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.