Ponte Caldelas solicita á administración autonómica medidas de seguridade viaria para reducir a velocidade na recta de Caritel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, dirixiu senllas cartas ao delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para trasladarlle a petición feita pola Asociación de Veciños de Caritel para que se habiliten fórmulas que contribúan a aumentar a seguridade viaria na travesía da estrada autonómica PO-255, ao seu paso por este núcleo de poboación.

Entre as fórmulas propostas polos veciños e o Concello de Ponte Caldelas figuran o sobreelevado dos tres pasos de peóns existentes ou polo menos algún deles, o que provocaría a redución de velocidade dos vehículos que transitan por esta travesía que, ao coincidir cunha longa recta provoca que os condutores se despisten e superen a velocidade dos 50 quilómetros por hora fixados e sinalizados en devandito tramo.

Os veciños de Caritel trasladaron esta petición ao alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, nunha recente reunión na que lle expresaron a preocupación veciñal pola falta de seguridade viaria existente nesta travesía debido ao exceso de velocidade no que incorren, con demasiada frecuencia, os condutores que a transitan.

Perfecto Rodríguez, ao tratarse dunha estrada de titularidade autonómica, comprometeuse a trasladarlle esta petición á Xunta de Galicia para que estuden a mellor maneira de incidir sobre este problema detectado unha vez ampliada e mellorada a estrada PO-255 que comunica a vila de Ponte Caldelas con Caritel, o enlace coa Lama e a parroquia de Forzáns.

8 de xullo de 2014 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.