publicidade hoxe

Ponte Caldelas instalará 5 novos parques biosaludables en diversos nucleos do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Parque biosaudable en Caritel

Parque biosaudable en Caritel

O Concello de Ponte Caldelas ten previsto dotar de 5 novos parques biosaludables a outros tantos lugares do municipio dentro do proxecto impulsado polo alcalde, Perfecto Rodríguez, de dotar deste tipo de infraestruturas á práctica totalidade dos núcleos de poboación para favorecer a práctica do deporte das persoas maiores.

Nos próximos días, instalaranse estes aparellos para a práctica deportiva na Insua (na área recreativa que hai na zona de Carreira Ancha), Anceu (xunto á Casa do Pobo), Regodobargo (á beira do parque infantil), Mirón (na carballeira), Silvoso de Abaixo (anexo ao parque infantil existente no lugar) e Laxoso, tamén xunto ao parque infantil que hai á beira da Casa do Pobo.

Os lugares escollidos polo Concello de Ponte Caldelas para instalar estes aparellos están especialmente relacionados con espazos onde xa existe un parque infantil ou onde teñen lugar as celebracións festivas parroquiais co fin de que queden integrados naquelas zonas de uso habitual dos veciños.

Os elementos que se instalarán están especialmente deseñados para favorecer a práctica de deporte entre as persoas maiores adaptando cada movemento ás necesidades psicomotrices dos usuarios, tendo en conta tamén aqueles exercicios de recuperación e rehabilitación tan necesarios a certas idades ou para tratar diversas doenzas.

O alcalde considera que este tipo de aparellos contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas á vez que reforzan o obxectivo de que nestas áreas recreativas no rural exista interrelación entre as distintas xeracións que viven na zona: avós, pais e nenos por iso é polo que adoiten instalarse xunto aos parques infantís.

O Concello de Ponte Caldelas ten previsto continuar coa instalación de máis parques biosaludables noutras as parroquias e lugares do municipio co fin de facilitar o acceso a este tipo de aparellos polo maior número posible de persoas. O obxectivo é que aos poucos todas as parroquias do municipio conten cunha instalación deste tipo. Nos últimos anos, ademais do parque biosaludable instalado no centro urbano (Chan da Barcia), e na Praia Fluvial, tamén se crearon parques deste tipo en Forzáns (na carballeira da Feira), Xustáns, Caritel (Carballeira da Chan), Vilarchán, Silvoso de Arriba e Tourón (O Pío).

Estes parques biosaludables son cada vez máis demandados pola poboación tendo en conta que axudan ao mantemento físico das persoas maiores á vez que completan a oferta lúdico-recreativa e de entretemento existente nos diferentes lugares do municipio dentro da política de descentralización de servizos e oportunidades de lecer que está a realizar o Concello de Ponte Caldelas e que levou a este municipio, entre outras cuestións, a contar con parques infantís en practicamente todos os núcleos de poboación.

4 de xullo de 2014 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.