Ponte Caldelas continúa a loita contra o “feísmo” no rural derribando un antigo palco na Insua

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

Operarios do Concello de Ponte Caldelas procederon ao derribo dun palco de bloques e cemento, con graves deficiencias estruturais, situado no Campo da Festa da Insua e que ameazaba a seguridade dos veciños. Esta solución foi proposta polo alcalde Perfecto Rodríguez ás entidades veciñais da parroquia co fin de impulsar medidas que contribúan a eliminar determinadas construcións existentes en distintas parroquias do municipio e que desmerecen de maneira notable a paisaxe e a contorna, constituíndo claros expoñentes do fenómeno denominado como “feísmo”.

Esta construción obsoleta, fora levantada fai máis de 30 anos no Campo da Festa da Insua polos veciños para as actuacións musicais e a celebración de verbenas con motivo das festas parroquiais, tal e como se fixo noutros recintos e “torreiros”, pero que co paso do tempo ademais de inútiles convertéronse en elementos que distorsionan a paisaxe do rural de Ponte Caldelas.

A intención do alcalde é facer desaparecer, paulatinamente, estas construcións que, nalgúns casos, son de titularidade comunal e que hoxe en día non teñen uso e con todo adoitan estar situadas normalmente en torreiros, carballeiras ou zonas públicas visibles desde as estradas. A idea de Perfecto Rodríguez é acordar estas demolicións coas propias asociacións e comunidades de veciños dos respectivos lugares para desta maneira contribuír a concienciar á cidadanía das vantaxes de eliminar estes elementos de feísmo.

Con esta medida o rexedor espera que renda o exemplo e que outras comunidades veciñais propoñan a demolición doutros palcos similares, construídos nos anos 70 e 80 de bloques e ladrillos e que hoxe en día practicamente non teñen uso porque as orquestras xa traen os seus escenarios e sobre todo, e o que é máis importante, desmerecen a imaxe e a contorna de moitas carballeiras e torreiros onde se celebran as festas; casos como pode ser o de Caritel, Forzáns, ou outro existente na Insua.

O rexedor mostrouse disposto a ofrecer en todos estes casos toda a colaboración do Concello, que se faría cargo de todos os gastos de demolición destas construcións e retirada de cascallos, co obxecto de contribuír a mellorar a paisaxe.

Estas actuacións xa se iniciaron no ano 2008 derrubando o antigo palco de bloques e ladrillos que existía na contorna da Capela de San Vicente en Parada, continuaron na Fraga e en Aluncía coa demolición de senllos galpóns, tamén o palco de Barbudo e o de Vilarchán que desmerecía a imaxe da súa carballeira e, agora, un dos da Insua.

15 de xullo de 2014 | 12:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.