Ponse en marcha a 3ª edición da pasarela “Amodiña” do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasPontevedra
A-
A+

A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO- mantén a súa firme aposta por un dos eventos máis multitudinarios da comarca, a Pasarela de Moda “Amodiña” que se celebrará por terceiro ano consecutivo no mes de Setembro. O lugar será o mesmo, o paseo marítimo de Moaña, con saída dende o Palco da Música, e a data o sábado 20 de setembro. A entrada será de balde para os milleiros de persoas que unha vez máis disfrutarán dunha noite especial coa moda como protagonista.

FECIMO abre hoxe día 15 de xullo o prazo de inscrición a este evento para as súas empresas asociadas, desexando que ningunha perda a oportunidade de presentarse ante o gran público, dándolles visibilidade e como xeito de difundir o seu produto.

“Amodiña” proclámase como o evento de moda de referencia no Morrazo, para dar a coñecer en directo as tendencias da nova tempada Outono / Inverno a través dun pase con modelos profesionais e contando cun equipo técnico audiovisual de alto nivel.

O evento está organizado para dar encaixe ao maior número de establecementos comerciais do Morrazo, dando cabida a multitude de sectores:

– Moda: home e muller, infantil, xuvenil, festa, noivos…

– Lencería e Baño

– Zapatería

– Complementos

– Óptica

– Floristeria

– Decoración

– Perruquería

– Estética e Maquillaxe, etc…

Apostarase un ano máis polas redes sociais e as novas tecnoloxías, apoiando a Pasarela e as empresas participantes con continuas publicacións en facebook e twitter, incluidos espectaculares videoclips e fotografías

Un desfile de Moda no marco dun gran espectáculo

FECIMO contará un ano máis cunha axencia especializada, encargada da coordinación dos modelos e de crear una historia visual e auditiva que sexa toda unha experiencia para o espectador.

Contarase tamén cunha coidada producción fotográfica e de vídeo a cargo de profesionais cunha gran experiencia en moda e publicidade.

A programación completarase con personaxes ben coñecidos da pequena pantalla, bailaríns, músicos, que coas súas actuacións en directo farán vibrar esta nova edición da Pasarela Amodiña

Casting para maiores e pequenos

Este ano a Pasarela Amodiña contará con dous eventos previos para a elección dos modelos que desfilarán o día 20 de Setembro. Celebraranse, pois, sendos castings para adultos e para nenos, en diferentes datas. Será obrigatoria a inscrición previa de todos os interesados, pero a convocatoria aínda non está aberta.

I Certame de Novos Deseñadores – AMODIÑA 2014

FECIMO convoca tamén como novidade a primeira edición do Certame de Novos Deseñadores – Amodiña 2014, co obxecto de premiar aos/as mellores deseñadores/as novos de Moda de Galicia.

A iniciativa pretende fomentar a aparición de novos valores no deseño de moda galegos e dalos a coñecer entre os establecementos comerciais.

O prazo de presentación de traballos deu comezo hoxe e rematará o día 8 de agosto. As bases están publicadas en www.fecimo.es, das cales daremos máis datos en vindeiras comunicacións.

15 de xullo de 2014 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.