Ourense convértese en destino de autocaravanas con outra forma de facer turismo
A cidade de Ourense segue gañando adeptos como destino turístico de verán. A Asociación Galega de Autocaravanas anunciou esta mañá na Praza Maior de Ourense unha expedición de máis de 50 vehículos que nos visitará no mes de agosto. Este tipo de vehículos, en palabras da concelleira de Turismo, Mónica Vázquez, permite “unha excelente forma de viaxar adaptada a toda para toda a familia e permite un achegamento ao medio natural como poucos, ao tempo que representan unha filosofía de vida”. Para a presentación da visita abríronse as portas dun destes vehículos, demostrando que están adaptados para gozar do turismo de aventura con todas as comodidades dunha casa.
A xira das autocaravanas chegará a ourense o vindeiro 5 de agosto, procedente de Lugo. O obxetivo é o de visitar a zona monumental da cidade, para o que contarán co apoio de guías cualificados de turismo, e gozar da nosa recoñecida gastronomía. Os integrantes da expedición manifestaron tamén a súa vontade por descubrir o percorrido termal ás beiras do río Miño e, por que non, darse un bo baño. Os vehículos pasarán a noite nos aledaños do Campo da Feira, logo do visto bo por parte da Concellería de Comercio de Ourense -o elevado número de vehículos participantes obriga a emprazalos nun lugar con espazo e servizos axeitado-, e partirán ao mediodía do 6 de agosto para continuar a viaxe pola nosa comunidade.
Nove de cada dez integrantes destas rutas proceden de fóra de Galicia: Andalucía, Cataluña, Comunidade de Valencia, Madrid e o norte da península, principalmente. Nos preto de 1.000 kilometros que cubrirá a ruta, pasarán polos emprazamentos máis senlleiros da comunidade antes de acabar en Santiago de Compostela.
A Ruta de Autocaravanas, que xa vai pola segunda edición, está chamada a converterse na referencia de verán para o turismo de autocaravana de Galicia. A Asociación, que conta con oito anos de vida, promove e fomenta o uso da autocaravana como recurso turístico, e pretende con esta xira o intercambio de experincias e coñecementos entre os seus diferentes socios, así como unha experiencia lúdica e recreativa orientada a familias e grupos de amigos.
Parellas, familias con nenose grupos de amigos formaron parte da ruta na que destacan aspectos como a convivencia entre diversas xeracións e procedenzas, tanto nos desprazamentos coma nas ceas e outros momentos de ocio. Así mesmo, é unha forma óptima para a integración de eprsoas con diferentes tipos de discapacidade.











