Os XXIV Encontros Folclóricos Ancoradoira encherán o Burgo de música popular, humor e gastronomía
O paseo marítimo do Burgo prepárase para acoller o sábado uno dos eventos culturais máis arraigados en Culleredo. Trátase dos Encontros Folclóricos Ancoradoira, que alcanzan este ano o seu XXIV edición.
Terán lugar o sábado, 19 de xullo, desde as 19.30 horas. Organizados pola Agrupación Folclórica Ancoradoira, coa colaboración do Concello de Culleredo, espérase unha gran afluencia de público, como ocorrese o ano pasado cuns 400 asistentes.
O festival ten a vocación de ser un encontro popular na comarca. Comezará coa actuación das agrupacións convidadas este ano, sempre vinculadas por estar enmarcadas no ámbito do folclore:
· Escolas Queiroa, de Sada
· Coros e danzas Sherezade, de Toledo
· Agrupación Folclórica Ancoradoira, de Culleredo
O festival tamén garda un espazo para os máis pequenos. Demostrarán os seus dotes folclóricos na segunda edición do Festival Infantil. Haberá artistas desde os 3 até os 12 anos de idade.
De noite, ás 22.00 horas, chegará a quenda do humor, co monólogo de Pedro Brandariz. Seguidamente chegará o espectáculo musical de Faltriqueira. Non faltará a gastronomía nos Encontros. Unha churrascada popular servirá para a confraternización dos asistentes.
A concelleira de Cultura, Alicia Ferreiro, anima a asistir ao festival, un “referente” no folclore popular. Destaca a calidade das actuacións que se poderán escoitar, nun espazo idóneo para acudir en familia.