Os voceiros municipais de Carballo analizan o novo contrato e a ordenanza para o saneamento e abastecemento de auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Casa do Concello vén de acoller unha xuntanza na que participaron os voceiros de todos os grupos políticos municipais e na que se analizaron as claves do prego de condicións do novo contrato, do regulamento e da ordenanza que recollerá a normativa para o saneamento e abastecemento de auga a partir de 2015 e que se inclúen no Plan Director de Abastecemento de auga 2015-2030. Hai que lembrar que a actual concesión, que recae na empresa Viaqua, remata o 31 de decembro de 2014, polo que a administración local xa está perfilando as características do novo contrato.

Moitas das condicións que están agora en vigor deberán variar a partir de 2015, xa que tanto o contrato como a ordenanza deberán adaptarse á directiva europea proposta pola UE e que pretende avanzar cara a un consumo responsable da auga. Así, a partir do próximo ano as taxas deberán organizarse por bloques de consumo, de tal xeito que quen máis consuma máis pagará. A directiva da Unión Europea tamén inclúe outras medidas disuasorias do consumo irresponsable e indiscriminado para avanzar na conservación dos recursos hídricos do planeta. Na xuntanza estiveron presentes, ademais dos técnicos, os voceiros de PP, TEGA e PSOE, Miguel Ferreiro, Manuel Andrade e José Antonio Viña; a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas; e o Alcalde, Evencio Ferrero.

10 de xullo de 2014 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.