Os viños da D.O. Rías Baixas preséntanse ante corenta prescriptores mexicanos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPontevedra
A-
A+

Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas protagonizaron unha cea maridaxe en México D.F., na primeira dunha serie de accións promocionais que leva a cabo o Consello Regulador no país americano. Á cea asistiron corenta convidados con notable influencia no mercado mexicano de viños, tales como prescriptores de gastronomía e tendencias, catadoras, importadores, distribuidores e profesionais dos medios de comunicación. Tamén participou o embaixador de España en México, Luís Fernández-Cid. En representación do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas asistiu o seu secretario xeral, Ramón Huidobro.

Durante o aperitivo, servíronse tres viños Rías Baixas, mentres que na cea propiamente dita ofrecéronse outros cinco. O menú foi realizado polo chef Óscar Portal, cunha proposta moi completa ideada para maridar cos Rías Baixas. Todos os viños da denominación ofrecidos foron moi ben valorados polos asistentes e, de feito, varios dos importadores comentaron durante o ágape o seu interese por incorporar produtos da D.O. Rías Baixas á súa oferta.

As seguintes accións promocionais de Rías Baixas en México serán dúas sesións de formación de catadoras. A primeira terá lugar en México D.F. o próximo 7 de xullo e a segunda no estado de Querétaro. Ambas consistirán nunha cata de tres viños da D.O. Rías Baixas, dirixida por un responsable do Consello Regulador, seguida dunha cea mexicana en cinco tempos maridada con viños da denominación. En conxunto, a estas dúas iniciativas de formación acudirán uns 75 invitados, principalmente catadores e tamén responsables de compras de cadeas hoteleiras e restaurantes, chefs e xornalistas especializados.

O quinto mercado de exportacións en 2013

Con esta serie de accións presentación dos seus viños, o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas presta de novo especial atención ao mercado mexicano, o quinto destino en exportacións dos seus viños durante 2013, tanto en valor económico como en volume. En concreto, o ano pasado as adegas de Rías Baixas exportaron 191.225 litros a México, por un valor de 1.030.783,26 euros. Encabeza o mercado de exportacións Estados Unidos (2.634.314 litros), seguido de Reino Unido (695.862 litros), Alemaña (454.726 litros) e Porto Rico (223.429 litros).

3 de xullo de 2014 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.