Os sindicatos do naval de Vigo esixen garantías de prevención e eliminación de horas extra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Europa Press

A mesa de emprego do naval -con representantes da patronal, da Xunta e dos sindicatos- reuniuse este venres en Vigo, despois de máis de dous anos sen actividade, para “sentar as bases” das relacións laborais entre empresas e axentes sociais, ante unha nova fase na que se anuncia unha recuperación de actividade nos estaleiros da ría viguesa.

Nese foro, os sindicatos formularon que é o momento adecuado para esixir que esas relacións se baseen en garantías de que haberá un “estrito cumprimento” dos convenios colectivos, os acordos sectoriais e tamén en materia de prevención de riscos laborais.

Así mesmo, como sinalou o voceiro de CC.OO., Ramón Sarmiento, os representantes sindicais puxeron sobre a mesa a necesidade de eliminar unha figura “estrutural” no sector, como son as horas extras, coa finalidade de dar ocupación ao maior número posible de persoas.

Por outra banda, os sindicatos pediron ás empresas que elaboren un mapa fiable do tecido industrial auxiliar, para coñecer cantas empresas quedan das máis de 300 que existían hai uns anos na bisbarra (estímase que se perderían o 60 por cento). “Imos reiniciar a actividade nun contexto de desmantelamento de industria auxiliar e perda de persoal cualificado”, sinalou Sarmiento.

PERSOAL

Así mesmo, as centrais reclamaron á Xunta información sobre os traballadores acreditados nas oficinas de emprego coa certificación do naval, para saber cántos están en paro e cantos en activo e, destes, cáles se tiveron que ir traballar fóra de Galicia, de España, ou fóra do sector.

Nesa liña, pediron os estaleiros que faciliten estimacións reais do volume de emprego que prevén mover cara a finais de ano. Os sindicatos esperan ter toda esa información para poder analizala na próxima reunión da mesa do naval, que se celebrará o 9 de setembro.

REINICIO “COMPLICADO”

Pola súa banda, o responsable do naval da CIG, César Rodríguez, advertiu de que, malia os anuncios de novos contratos, haberá un reinicio de actividade “complicado” e que “non vai haber contratacións masivas” de persoal. A ese respecto, recoñeceu que os empresarios “non se mollaron” na reunión á hora de confirmar novos contratos.

Rodríguez tamén apostou por que “se recupere o sector naval en condicións aceptables”, dado que a situación laboral “se”deteriorou” nos últimos anos.

Mentres, a representante de UGT, Ana Belén Valiño, celebrou que se continuara o diálogo social no sector, e avogou porque a parte social e a parte empresarial elaboren unha folla de ruta con obxectivos concretos para abordar en próximas reunións, como a formación, a ordenación da xornada laboral ou a eventualidade.

PATRONAL

Pola súa banda, o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, indicou que a reactivación da mesa do naval debe permitir ao sector reforzar a súa imaxe e ofrecer “unha fotografía agradable” a posibles investidores, armadores e estructuradores financeiros.

Mallón, quen reiterou que os estaleiros da ría de Vigo están a negociar unha ducia de contratos, admitiu que esas negociacións non avanzan ao ritmo esperado, aínda que “non se descartou absolutamente ningún contrato”.

Por iso, espera que, antes de que remate 2014, se poida concretar algún encargo. A medio prazo, advertiu de que non se poderá falar de recuperación do sector naval se non se pecha polo menos un contrato por estaleiro, porque “a recuperación non vai vir dun soa”.

Non obstante, o voceiro de Asime recoñeceu que os problemas de financiamento e a escasa aplicación do novo tax lease son escollos aínda para un completo despegue desta industria. “Todos queren volver aos 14.000 empregos directos e 6.000 indirectos que había antes da crise”, subliñou.

4 de xullo de 2014 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.