Os queixos de Pazo de Anzuxao participan na I Foliada Enogastronómica #UmiaCalidade
Os queixos Pazo de Anzuxao participarán o vindeiro sábado 26 de xullo na ‘I Foliada Enogastronómica #UmiaCalidade’, que se celebrará en Caldas de Reis (Pontevedra). O evento está organizado polo Restaurante Casa Real Doña Urraca co obxectivo de promocionar os produtos do Umia e homenaxear a súa gastronomía.
A Foliada comezará ás 11 horas nas instalacións do restaurante (rúa Constitución 4) e rematará xa á noite cun concerto. A música de artistas galegos acompañará durante toda a xornada as actividades gastronómicas.
Ademáis do xantar e cea, cun menu degustación, durante toda a xornada celebraránse catas de diversos produtos da comarca e do resto de Galicia. Entre viños, conservas ou mel, o turno dos queixos Pazo de Anzuxao chegará ás 18.30 horas.
O mellor Tetilla de Galicia en 2013
A calidade dos queixos Pazo de Anzuxao ven avalada polos premios recibidos nestes anos. Na derradeira edición da Cata dos Queixos de Galicia foi galardoado co primeiro posto e distinción de ouro na categoría D.O.P. Queixo Tetilla, entre outras 27 mostras. Ademais acadou un cuarto posto na categoría da D.O.P. Arzúa-Ulloa.
Os queixos Pazo de Anzuxao toman o seu nome do lugar no que son elaborados, en Lalín, un pazo do século XVIII. A experiencia de dúas xeracións de queixeiros, o leite de vaca acabado de muxir e 100% galego e un emprego xusto da tecnoloxía permiten producir un queixo que mantén o sabor tradicional.











