Os meniños de Brión fan unha representación de teatro para celebrar o fin do curso cos seus pais e nais

Obra teatral dos meniños da gardería de Brión
Os nenos e nenas da gardería municipal de Brión celebraron esta mañá o seu tradicional festival de fin de curso coa representación dunha pequena obra de teatro, “Moncho e a mancha”. Unha representación que correu a cargo dos vinte pequenos da Aula 6 (de entre 2 e 3 anos) e que este ano deixan a gardería para incorporárense ao colexio xunto con outros vinte cativos da Aula 5, que fixeron a súa representación na xornada de onte xoves.
Durante algo máis de media hora, os pequenos representaron o conto “Moncho e a mancha”, de Kiko Da Silva. A obra conta a historia de Moncho, que o pintaba todo: a cama, a neveira, ao avó… Despois dunha xornada de traballo, tenta descubrir o significado dunha mancha negra sobre un papel en branco, atopando que cada percoa coa que se atopa lle dá unha impresión diferente. Os nenos e nenas ían caracterizados de acordo coas personaxes que representaban: mecánicos, barrendeiros, electrodomésticos da casa, vacas, porquiños… Uns disfraces elaborados polos propios cativos na clase e coa colaboración dos seus mestres. Todo elo nun escenario de cartón preparado para a ocasión durante estas dúas últimas semanas.
A cada unha das festas asistiron medio cento de familiares (pais, nais, irmáns, avós e avoas…) así como o alcalde de Brión, Xosé Luís García. Os pequenos recibiron un agasallo e un diploma de “graduación”, antes de participaren nunha pequena festa con lambonadas e zumes para os pequenos e as súas familias.A directora da gardería municipal de Brión, Dolores Campos, destaca a importancia deste tipo de actividades “pois veñen os pais á gardería e ven como se traballa cos seus fillos. Para nós é moi importante manter sempre un contacto directo e habitual con eles”.











