Os maiores dos Obradoiros de Memoria de Brión recollen as lembranzas da posguerra no DVD “Palabras maiores I”
Os maiores dos Obradoiros da Memoria do Concello de Brión veñen de editar un DVD, denominado “Palabras maiores (parte I)”, no que recollen parte das súas lembranzas sobre como era a súa infancia hai máis de cincuenta anos. Unha infancia moi complicada, pois coincidiu cos difíciles tempos da posguerra.
A coordinadora dos Obradoiros da Memoria de Brión, Elena Remesar, explica que “algúns dos nosos maiores naceron antes da guerra civil, pero todos viviron a posguerra e as súas vidas non foron doadas”. Como eles mesmos din no DVD: “aínda así fomos felices” porque, entre outras cousas, “conformabámonos con pouco”.
“Palabras maiores (parte 1)” recompila as vídeo gravacións das charlas e coloquios onde os participantes falaron de como era a escola, os xogos cos que se divertían e as cantigas que cantaban na súa infancia. Tamén comparten lembranzas da súa vida cotiá: a familia, os traballos domésticos e no campo, etc. O disco complétase cunha galería fotográfica de imaxes achegadas polos participantes.
Mirar aos ollos
Elena Remesar está moi satisfeita co resultado, que dá continuidade a outros traballos realizados en formato libro (“Un anaco de sabedoría” e “Outro anaco de sabedoría”). Sen embargo, Remesar destaca que nesta ocasión “o traballo fixémolo en forma de DVD, o que nos permite mirar aos ollos da persoa que fala. Ademais, queda reflectida a riqueza lingüística e os distintos acentos dos participantes”.
A coordinadora dos Obradoiros da Memoria do Concello de Brión adianta tamén que “esta é a primeira parte, pero esperamos poder facer o próximo ano a segunda titulada: “A mocidade”, da que xa temos algún material e esperamos reunir máis”. Unha segunda parte de “Palabras maiores” que complementará esta interesante traballo de investigación que nos amosa como se vivía en Brión a mediados do pasado século a través de testemuñas directas. Unha achega imprescindible e unha herdanza de incalculable valor para as xeracións vindeiras.











