Os hostaleiros de Raxó organizan unha nova edición do concurso Pinchos da Terra
Mañá sábado dará comezo o concurso de pinchos organizado pola Asociación de Hostelaría de Raxó, unha iniciativa que, tras a experiencia do ano pasado, cando se desenvolveu paralelamente coa I Feira de Artesanía Chalana no Peirao de Raxó, tivo unha excelente acollida.
Nesta ocasión, o roteiro de pinchos vai ter lugar nos fins de semana do 5 e 6, e 12 e 13 de xullo. O público poderá degustar os diversos pinchos dos 14 locais de hostelería e restauración de 12 a 14:30 a un prezo único de 1,5 € e selar a tarxeta que, unha vez completada, servirá para participar no sorteo e acceder aos seguintes premios:
1º Cea para dúas persoas no Restaurante con Estrela Michelín Pepe Vieira – Camiño da Serpe de Raxó.
2º Botella Magnum de Albariño.
3º Botella de Vermú Nordesía.
Asemade, os 14 establecementos participantes entrarán no concurso cos seus pinchos, que serán valorados e puntuados polos clientes e por un xurado cualificado formado por cociñeiros do grupo NOVE, que realizarán unha cata e emitirán a súa valoración.
Desde a asociación de hostelería, que recentemente se constituíu formalmente, avánzase a intención de traballar conxuntamente para levar a cabo proxectos que dinamicen a zona de Raxó como referente e dean un pulo ao sector da restauración, con actividades que poñan en valor a localidade e vinculadas a tradicións con arraigo en Raxó.
Á presentación realizada esta mañá, e á que acudiu unha nutrida representación dos locais participantes, asistiron o alcalde Luciano Sobral e a concelleira de Cultura Silvia Díaz, que expresaron a súa vontade de colaboración en iniciativas que sirvan para promover a economía local, así como para acrecentar o coñecemento dos nosos atractivos turísticos. “Calquera día do ano é bo para vir a Raxó, pero se ademais se conta co incentivo deste roteiro de pinchos para desfrutar dos produtos e a gastronomía desta vila mariñeira, non hai excusa para non visitar Raxó nestes días”.
Valoraron ademais o esforzo dos hosteleiros por aumentar a oferta que Raxó proporciona a veciños e visitantes e avanzouse que se levará a cabo a II Feira de Artesanía Chalana no mes de agosto, que incluírá unha programación cultural musical e na que se contará con que, ao igual que o ano pasado, se involucren as asociacións, colectivos e empresas da localidade.
As tarxetas para participar, coas bases de participación do concurso, poden recollerse a partir de mañá sábado en todos os establecementos participantes.











