Os expertos defenden para unha mellor planificación da actividade pesqueira a cooperación de administración, ciencia e sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Conferencia en Vigo

Conferencia en Vigo

O Museo do Mar de Galicia acolle dende esta mañá dúas xornadas dedicadas á xestión da pesca no Arco Atlántico no que supón a conferencia final do proxecto europeo GEPETO, unha iniciativa na que o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR ven traballando nos últimos dous anos xunto a outras institucións de España, Francia, Portugal e Irlanda.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, foi a encargada de abrir esta primeira xornada de debate nun acto no que estivo acompañada pola directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo; pola Autoridade de Xestión do Espazo Atlántico, Teresa Lameiras, e polo director do Instituto Español de Oceanografía, Eduardo Balguerías, quen protagonizou a conferencia inaugural sobre o papel dos plans de xestión na Política Pesqueira Común (PPC).

Na súa intervención, a directora xeral da Consellería do Medio Rural e do Mar salientou a labor desenvolvida polos socios de GEPETO na busca dun enfoque rexional para a xestión da pesca, “dándolle relevancia a todas as partes implicadas e creando un marco de cooperación que sirva para planificar esta actividade nun escenario futuro, determinado polas medidas que a PPC propón para facer sostible o sector en Europa”.

Lembrou que Galicia é terra mariñeira e que, por isto, é sabedora da importancia da pesca, “da necesidade de tratar os recursos de forma sostible e do importante papel que nisto xogan” tanto produtores coma científicos. Por isto encomiou o traballo desenvolvido no marco do proxecto GEPETO ao supor “un paso mais na organización e explotación das pesqueiras do Atlántico Sur”, profundando no coñecemento científico da pesca e “creando as ferramentas que o fagan posible”.

Da colaboración entre o sector pesqueiro, a ciencia e a administración se falou no primeiro panel da xornada. Ao longo do día abordaranse tamén as directrices para a definición das unidades de xestión operacionais e a xestión de pesqueiras mixtas.

A conferencia final do proxecto GEPETO (www.gepetoproject.eu) remata mañá mércores con novos paneis sobre plans de xestión e coa presentación das conclusións a cargo de Rosa Chapela, coordinadora da área de Socioeconomía da Pesca da Fundación CETMAR.

8 de xullo de 2014 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.