Os Enxeñeiros Industriais de Santiago consideran imprescindible manter o partido xudicial compostelán
A Delegación en Santiago do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) considera imprescindible o mantemento do partido xudicial de Santiago de Compostela, cuxa continuidade está en dúbida polo establecido no anteproxecto de Lei de Demarcación e de Planta Xudicial. Neste sentido, Fernando Blanco Santos, delegado do ICOIIG en Santiago, asegura que “os enxeñeiros industriais consideramos imprescindible o mantemento do partido xudicial de Santiago, polo que nos unimos ao chamamento realizado polo Colexio de Avogados e participaremos en todas as actividades que se organicen para defendelo”.
Aínda que o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia tamén fixo pública a súa oposición á desaparición de 41 dos 45 partidos xudiciais existentes na nosa comunidade, a Delegación compostelá do ICOIIG considera que a situación é especialmente grave no caso da capital de Galicia e a súa contorna urbana, que suma máis de 140.000 habitantes (Ames, Boqueixón, Santiago de Compostela, Teo e Vedra).
Ademais, Blanco Santos explica que “a desaparición do partido xudicial de Santiago suporía importantes prexuízos para os enxeñeiros industriais que se encargan de peritaciones xudiciais, xa que moitas das accións que están a realizar actualmente os nosos colexiados en Santiago terían que realizarse na Coruña. Este traslado é dificilmente xustificable, resulta inoperativo e suporía un gasto maior tanto para os litigantes como para o propio sistema xudicial, cando o perito é solicitado polo xuíz”.
Neste sentido, os enxeñeiros industriais de Santiago comparten as denuncias realizadas este fin de semana polo decano dos letrados composteláns, quen consideraba que o novo mapa xudicial que expón o Goberno suporá unha segunda taxa para o cidadán, polo custoso dos desprazamentos aos que se verá obrigado.











