Os empresarios do Vinteún descobren o plan estratéxico de Inorde para esta zona industrial

Baltar na reunión cos empresarios do Vinteún
O presidente do Inorde e da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe cos representantes dos empresarios da zona industrial do Vinteún –Polígono industrial das Coiñás- para presentarlles o plan estratéxico elaborado polo Inorde para esta zona industrial, un documento que ten como obxectivo propoñer unha mellor posición loxística da zona industrial das Coiñás mediante o acondicionamento e creación de novas infraestruturas, servizos e dotacións públicas.
O plan tamén contempla mellorar a comunicación viaria, que se verá potenciada a través da futura Circunvalación Norte, articulando así unha mellor mobilidade da principal zona industrial da capital ourensá.
Baltar considera “necesario e prioritario” avanzar na dinamización económica da principal zona industrial da capital ourensá, e amosoulle aos empresarios o apoio da Deputación de Ourense –por medio do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico- para acadar un maior e mellor desenvolvemento das Coiñás co fin de favorecer a consolidación e implantación de empresas e a creación de emprego.
O plan estratéxico para esta zona industrial forma parte do Plan “Transforma Ourense” que está a desenvolver a institución provincial, cuxo obxectivo é mellorar a innovación tecnolóxica das pemes e incrementar a súa competitividade, así como favorecer o emprendemento, a creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica e potenciar o tecido empresarial ourensán. O plan, que busca aumentar o potencial innovador das pemes da provincia de Ourense, comprende accións enfocadas ao coñecemento da realidade empresarial e ao estudo das necesidades de cada sector, ademais de estimular o desenvolvemento de ideas empresariais, favorecer o intercambio de material tecnolóxico entre as empresas e axilizar o acceso a toda a información en temas relacionados coa innovación: proxectos, guías de I+D+i e innovación.
No caso concreto do polígono das Coiñás, o plan estratéxico destaca que é necesario mellorar a rede viaria actual, os aparcadoiros, as instalacións eléctricas de alta e baixa tensión, o abastecemento e saneamento, así como as redes de rego e hidrantes, gas e alumeado público. Tamén contempla a dotación de vídeo-vixilancia e a incorporación dunha rede de voz e datos, ademais dun edificio institucional que concentre a xestión da actividade da zona empresarial co fin de permitir un desenvolvemento empresarial en igualdade de medios e oportunidades con outros ámbitos industriais da cidade e da provincia.
Dentro do Plan “Transforma Ourense”, o Inorde tamén está a traballar na internacionalización de empresas ourensáns con iniciativas de promoción de empresas e de solo empresarial “un pulo importante para que emprendedores e empresarios ourensáns poidan explorar novos mercados, nuns momentos críticos pero nos que tamén hai que saber aproveitar as oportunidades, e tamén para que empresas de fóra poidan coñecer a oferta de solo empresarial de que dispón a nosa provincia”, explicou Manuel Baltar.
O Plan “Transforma Ourense” é consecuencia directa dos datos que subministra o Observatorio Económico Ourensán, á súa vez, unha das actuacións incluída no Plan Ourense 92 de xestión e estratexia operativa da Deputación de Ourense.











