Os comerciantes e hostaleiros do concello de Allariz buscan logotipo
A Asociación de Comerciantes e Hostaleiros de Allariz convoca un concurso para a elección do seu logo. O prazo para a presentación dos traballos permanece aberto ata o día 10 de Agosto de 2014 e o gañador ou gañadora recibirá como premio 300 euros.
O logotipo a deseñar deberá estar relacionado cos obxectivos e características de dita Asociación e un dos piares a ter en conta polo xurado será a orixinalidade e a síntese en relación co comercio e a hostalería alaricana. A convocatoria está aberta a todo aquel que o desexe, e cada participante poderá presentar un máximo de dúas propostas.
Os traballos deberán presentarse en formato dixital, en versión branco e negro e cor e deberán enviarse á dirección comercioallariz@gmail.com. Cada participante debe incluír no correo o seu nome e apelidos, un teléfono de contacto así como un pseudónimo.
Dende a Asociación de Comerciantes e Hostaleiros de Allariz insístese na idea de que o logotipo debe ser totalmente inédito e que pasará a ser propiedade da Asociación para reproducilo e empregalo como esta considere necesario.
Os resultados do concurso faranse públicos tanto nas redes socias como na prensa, e, entre todos os participantes, sortearase unha estancia dunha fin de semana nos establecementos de hospedaxe asociados.