Os comedores senior de Ferrol atenden diariamente a 60 personas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Benestar do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, fixo balance sobre o funcionamento do servizo de Comedores Sénior para persoas maiores durante o primeiro semestre do presente ano. Un total de 60 persoas acudiron diariamente, entre xaneiro e xuño, aos catro equipamentos sociais que están en funcionamento -22 no de Río de Xubia, 16 en Caranza, 13 en San Pablo-Catabois e 9 en Esteiro-. Acualmente, o servizo conta con catro novas solicitudes que están en tramitación, das cales dúas son para o comedor de San Pablo, unha para Caranza e outra para Esteiro.

A edil Rosa Martínez Beceiro lembrou que este servizo municipal está dirixido a persoas maiores empadroadas en Ferrol e con preferencia aquelas que vifan soas. Os comedores sénior permiten potenciar un envellecemento saudable mediante unha alimentación adecuada e equilibrada así como procurar un espazo relacional e de vínculos de amizade e coa comunidade. O Goberno Municipal, atendendo ao seu compromiso coas políticas sociais, abriu neste mandato dous novos comedores Sénior –San Pablo e Esteiro- duplicando deste xeito o número de prazas dispoñibles.

Os beneficiarios do servizo de comedor sénior tamén realizaron numerosas actividades como charlas sobre dietética e nutrición, a proposta de “Bingo Social” ou a celebración de varias festividades. Máis concretamente, as charlas de alimentación permitiron recomendar e reeducar aos maiores para favorecer a súa calidade de vida así como informar sobre patoloxías comúns desta etapa da vida. En canto ao Bingo Social, a participación dos usuarios vai en aumento cada ano e aporta beneficios para a saúde física, mental e afectiva dos maiores a través de actividades recreativas e estimulación lúdica con este xogo arraigado nos maiores fomentando así o envellecemento activo.

Celebración de datas especiais

Por último, entre os meses de xaneiro e xuño, as persoas usuarias dos catro comedores sénior celebraron a festividade das Pepitas, o Día de Reis, o Entroido, o Día do Pai ou diferentes aniversarios. Durante todos os festexos, este servizo municipal elaborou menús especiais e centrados no usuario. Así mesmo, ao longo do seguinte semestre, realizaranse outras celebracións como o Día Internacional das persoas maiores, o Magosto, a Noiteboa, o Nadal e o Fin de Ano.

11 de xullo de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.