Os clientes de As Travesas e Zona Centro escollen o establecemento favorito en Máis que comercio!

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo, presentaron esta mañá a campaña de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolverá en xullo nos centros comerciais abertos Zona Centro e As Travesas, e que busca impulsar as vendas do comercio de proximidade premiando a confianza dos seus clientes.

As persoas que merquen nos comercios asociados a estes dous CCAs recibirán durante todo o mes un cupón por cada 5€ de compra, o que lles permitirá participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com. Nesta páxina, votando ao seu establecemento favorito, poderán optar a unha tarxeta regalo de 200 euros e dúas de 100 en cada CCA para mercar no comercio local, así como a diferentes agasallos. Ao remate do mes, o establecemento seleccionado en cada un dos CCAs polos clientes que participen na iniciativa recibirá un recoñecemento público ao seu labor.

A iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que Comercio! percorre os diferentes centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano, co obxectivo de resaltar os valores do comercio de proximidade como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade.

Ao mesmo tempo, tal e como sinalou a directora xeral de Comercio destácase o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.

Lembrou Vázquez Abeal que o impulso ao asocionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal vén de resolverse o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, coas que a Xunta apoia un total de 86 accións de impulso ao comercio de proximidade para 10 ccas e 7 prazas de abastos de Vigo e a súa área.

3 de xullo de 2014 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.