Os centros tecnolóxicos integrados en ATIGA presentan oportunidades de innovación colaborativa

Encontro de ATIGA
Unha trintena de empresarios déronse cita esta mañá no Centro de Aplicacións Láser de AIMEN para asistir a unha xornada informativa centrada en oportunidades de colaboración e liñas de financiamento para o desenvolvemento da I+D+i, organizada pola Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), en colaboración co Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI). Durante a sesión púxose de relevo a importancia que ten a innovación no incremento da competitividade das empresas, e deuse a coñecer o papel que desempeñan os centros tecnolóxicos acompañando á industria na incorporación de procesos innovadores e no lanzamento de novos produtos.
Juan M. Vieites, presidente de ATIGA; e Jesús Lago, director xeral de AIMEN Centro Tecnolóxico; foron os encargados de inaugurar este encontro, destacando a forte aposta do tecido produtivo galego pola innovación e o apoio ofrecido polos centros tecnolóxicos integrados en ATIGA, entidade que desenvolve ao redor de 350 proxectos de I+D+i anuais, dos cales máis de 60 son executados a nivel europeo; e ten rexistradas máis de 40 patentes.
Joaquín Vázquez, director comercial de AIMEN, incidiu no tres grandes bloques nos que se estrutura a oferta tecnolóxica deste centro: I+D, Ensaios e Análises e Servizos Industriais. Concretamente, na área de I+D+i, explicou a experiencia adquirida na investigación de materiais avanzados, como adhesivos e composites; robótica e control, onde campos como a óptica ou a visión artificial está a espertar o interese das empresas; procesos avanzados, especialmente coa aplicación da tecnoloxía láser; ou no medio ambiente, no que se está traballando na mellora do tratamento de augas en diferentes proxectos internacionais.
Pola súa banda, Sandra Rellán, responsable de I+D+i de ANFACO-CECOPESCA, presentou as diferentes liñas de traballo que desenvolven en materia de innovación, centrándose especialmente en produción sustentable, calidade e seguridade alimentaria, novas tecnoloxías de conservación e procesado, alimentación saudable e segura e modernización da acuicultura. O seu labor no sector pesca-conserva, permitiu a ANFACO-CECOPESCA transferir os resultados a outras áreas alimentarias, como, por exemplo, a industria láctea.
Ana Paul, directora de Innovación Tecnolóxica de CTAG, sinalou que a actividade do Centro Tecnolóxico ten como obxectivo fundamental traballar no desenvolvemento de medios de transporte máis seguros, limpos e intelixentes; e destacou o papel que realizan involucrando ás empresas na posta en marcha de iniciativas innovadoras, especialmente a nivel internacional, a través da súa Oficina de Proxectos Internacionais.
Así mesmo, Fernando Jiménez, xerente de GRADIANT, subliñou a necesidade de que as empresas saian a novos mercados tecnolóxicos, para que poidan medir os seus produtos e procesos cos seus competidores, asumindo, dese modo, un maior nivel de esixencia. Tamén indicou as diferentes liñas de actividade na que GRADIANT apoia ás compañías en transferencia de coñecemento: comunicacións avanzadas, sistemas intelixentes en rede, servizos e aplicacións, información multimodal e e-Saúde.
Por último, Mª Pilar de Miguel e Raúl García, representantes do CDTI, explicaron aos asistentes os tipos de proxectos que poden contar co apoio económico desta institución e os instrumentos de financiamento máis adecuados en relación á tipoloxía de iniciativas a realizar e a madurez e capacidade técnica das compañías. Tras a súa intervención, reuníronse con empresarios asistentes para asesorarlles de forma personalizada e identificar a fórmula máis adecuada a cada proxecto.
Sobre ATIGA
A Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia foi creada no ano 2012 polos principais Centros Tecnolóxicos de Galicia, os cales apostaron por unir esforzos para impulsar a innovación na comunidade e lograr unha maior cooperación tecnolóxica que permita a ATIGA contar con niveis superiores de competitividade no mercado. Así mesmo, a aposta decidida destes centros polo tecido produtivo galego e o seu compromiso coa creación e consolidación de emprego cualificado, estable, de calidade e con futuro, son outros dos obxectivos fundamentais desta Alianza. Na actualidade forman parte desta entidade ANFACO-CECOPESCA, AIMEN Centro Tecnolóxico, CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia) e GRADIANT (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia).
ATIGA ofrece soporte científico-tecnolóxico a practicamente todos os sectores estratéxicos de Galicia: Mar-industria, Alimentación, Metal-mecánico, Naval, Automoción, Aeronáutico, Transporte, TIC, Audiovisual, Acuicultura, Biotecnoloxía, Sanitario, Turismo, Enerxético, Químico e Educativo. Ten un volume de ingresos agregado de 38 millóns e, en conxunto, os activos que manexan as entidades integradas no consorcio superan os 77 millóns de euros. O seu equipo humano, de carácter multidisciplinar, está composto por 700 traballadores; e conta cunha carteira de clientes de 1.250 empresas de máis de 30 países.











