Os cativos do Club Baloncesto Artai de Carballo festexan as súas vitorias na Copa Primavera

Recepción no Concello de Carballo aos cativos do Club Baloncesto Artai
Os adestradores e os nenos e nenas que conforman os equipos en categorías Preminibasket, Minibasket e Infantil feminina do Club Baloncesto Artai, así como o presidente da entidade, Joaquín Moreira, ademais de representantes do Colexio Artai e nais e pais dos xogadores e xogadoras déronse cita o luns 30 de xuño na Casa do Concello para festexar os seus últimos éxitos deportivos. Alí foron recibidos polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, así como polo Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, nunha cita na que os protagonistas asinaron no Libro de Honra do Concello, dando conta das súas vitorias como campións da Copa Primavera en categorías Preminibasket e Minibasket, e do subcampionato das nenas de Infantil na mesma competición. Nun acto sinxelo celebrado na Alcaldía, tanto Ferrero como Trigo quixeron transmitir os seus parabéns ao Artai e ao seu presidente polo traballo realizado e por contar cunha “canteira referente en toda Galicia”, en verbas do Concelleiro de Deporte.
Á súa vez, o Alcalde manifestou o seu “orgullo de que o nome de Carballo estea en tan alta estima como cando vós estades nas competicións”. Por último, Joaquín Moreira quixo transmitir os seus parabéns aos adestradores dos equipos, así como o seu agradecemento ás nais e pais, quen son quen ao final padecen “os madrugóns” para que os seus fillos e fillas estean no máis alto das competicións. Hai que lembrar que no caso dos campións en categoría Preminibasket mixta e das subcampioas en categoría Infantil Feminina, os seus éxitos tiveron lugar no Pavillón Carballo Calero da capital municipal, que acolleu a celebración da Copa Primavera. Os premininasket venceron ao Coreti Etiquetas na final por 54 a 48; mentres que as nenas de Infantil cederon na final ante a AD Calasancias por 54 a 49. No caso dos Minibasket, o equipo conquistou a Copa Primavera fronte ao Montrove de Oleiros no Pavillón Agra II da Coruña, ao gañar por 57 a 29.











