Os autónomos e pequenas empresas do Salnés e de Caldas asesoradas no CPAE 2.0 xa executan os seus plans de mellora
O pasado mes de marzo a Deputación de Pontevedra poñía en marcha unha rede de 6 puntos distribuídos polas diferentes comarcas da provincia onde os autónomos e as pequenas empresas poden obter información e asesoramento presencial e personalizado sobre o uso e aplicación das tecnoloxías da información no eido empresarial, co obxectivo prioritario de aumentar a produtividade e a competitividade dos preto de 64.000 autónomos e micropemes da provincia, priorizando aquelas que teñen 5 ou menos traballadores, que representan algo máis do 92 % do tecido produtivo, moi castigado pola crise, potenciando así o desenvolvemento económico da provincia.
Ofrécenselles sen ningún custo para eles servizos de información, análise e asesoramento sobre o uso das TIC, titorización na incorporación das novas tecnoloxías, capacitación tecnolóxica, demostración de produtos e solucións TIC, acompañamento para o uso do comercio electrónico e procura de axudas e subvencións no ámbito tecnolóxico. Trátase dun servizo personalizado, individualizado e prolongado no tempo, de acompañanmento das empresas na incorporación de ferramentas informáticas que melloran a súa competitividade e a produtividade. Todas as oficinas están atendidas por asesores TIC altamente cualificados e por un equipo de coordinación de cinco persoas que xera os contidos e resolve as cuestións más complexas.
Cómpre salientar que, desde a posta en marcha do CPAE 2.0, xa utilizaron os servizos dispoñibles mais de 370 empresas das cales o 75 % son micropemes e o 25 % son profesionais autónomos. Na actualidade estase asesorando a máis de 273 empresas e autónomos que o solicitaron e resolvéronse un total de 292 consultas de distintas temáticas, que van desde cómo ter presenza na internet, o uso das redes sociais, ferramentas de xestión empresarial, comercio electrónico ou certificados dixitais. O reparto por xéneros situase nun 45 % de mulleres e un 55 % de homes. A meirande parte deles son persoal directivo con idades comprendidas entre os 30 e 45 anos. Os sectores que máis demandaron estes servizos foron o do comercio (un 24 %) e o da construción (un 12 %), seguidos polas pequenas empresas de ámbito pesqueiro e gandeiro.
No punto CPAE 2.0 para as comarcas do Salnés e de Caldas recibiron asesoramento máis de 44 empresas e autónomos e solucionáronse un total de 47 consultas. As temáticas sobre as que ata o momento se recibiron máis consultas foron a posta en marcha de páxinas web, a creación de servizos de comercio electrónico e a procura de axudas económicas para a área TIC das empresas. Os sectores que mais requiriron os servizos deste punto CPAE 2.0 situado en Cambados foron o sector vitivinícola, o da agricultura, o comercio e novas iniciativas empresariais.
Os empresarios destas comarcas poden atopar o centro de asesoramento no Centro ExpoSalnés situado no paseo da Calzada de Cambados, de cuxos servizos se benefician os empresarios e autónomos das comarcas do Salnés e de Caldas, cubrindo un total de máis de 9.800 pequenas empresas e profesionais autónomos.
Os responsables do proxecto sinalan que xa están chegando os primeiros casos de éxito, como o da administración de loterías de Barrantes (Ribadumia), rexentada por Alonso Xesús, que ó chegar á oficina do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0) tiña claro que quería montar un sistema de venda de lotería a través de internet, sobre todo para mellorar as vendas en períodos de moita afluencia de público coma o Nadal, cando non son capaces de vender por portelo toda a demanda dos seus clientes. O plan de mellora pasa pola creación dunha web que se adaptará para visualizarse correctamente nos dispositivos móbiles. Aínda que o xerente confesa que atopou dificultades derivadas das restricións do xogo en liña, dos requisitos que o banco lle impón e doutras complicacións, confía ter todo listo en pouco tempo, de cara á campaña do próximo Nadal.
Para o control da calidade dos servizos ofrecidos a Deputación puxo en marcha tamén un protocolo de seguimento continuo do desempeño no CPAE 2.0 e, no seu último último informe, constátase a satisfacción dos empresarios asesorados, cunha cualificación de 4,2 sobre 5. Tamén se resalta que o 80 % dos servizos ofrecidos foi de información, análise e asesoramento sobre o uso das TIC. Nestes casos elabórase para as empresas un plan de mellora que actualmente se está poñendo en práctica con cada unha delas. Dentro deste servizo, o 21,4 % corresponde con temas relacionados coa publicidade, a mercadotecnia en liña e as redes sociais, o 17,6 % sobre comercio electrónico e o 11,5 % sobre axudas e subvencións. O resto de demandas atendidas distribúense equitativamente. Na maioría dos casos foron atendidos de forma presencial nos puntos CPAE 2.0, aínda que tamén se empregan outras canles de comunicación como o teléfono e o correo electrónico.
Eventos de capacitación tecnolóxica
Un dos servizos máis requiridos polos empresarios é o de capacitación tecnolóxica Por iso, este mes de xullo comezou un intenso programa de sesións informativas en todos os puntos CPAE 2.0. Comezouse tratando temáticas como a seguridade informática, a adecuación dos sistemas á LOPD e a LSSICE e as plataformas de comercio electrónico, sempre impartidas por poñentes especialistas nas materias. Jorge Pasamón é o encargado de tratar a seguridade informática, é Senior Manager de PwC Auditores con máis de 12 anos de experiencia e especializado en diversos ámbitos de seguridade informática e tecnoloxía. O relator das sesións de LOPD e LSSICE é Sergio Gómez, Senior Manager de PwC especialista nos aspectos xurídicos das tecnoloxías da información. Leonard Pera, autor do libro Social Commerce. 100 consejos para vender en internet falará deste interesante tema nas diferentes xornadas dos diferentes puntos CPAE 2.0 de toda a provincia. Carlos González Luís, que conta con 20 anos de experiencia como consultor de negocios será o encargado de falar sobre plataformas de comercio electrónico.
Ademais, estas xornadas intercáladas con outros obradoiros informativos impartidos polos propios asesores do CPAE 2.0. Estes son asesores TIC altamente cualificados e que contan cunha visión de 360 º das tecnoloxías da información, o que lles permite darlles respostas axeitadas a cada caso.
O próximo 23 de xullo, ás 13:00 horas, haberá unha sesión sobre plataformas de comercio electrónico e o 28 de xullo, ás 20:00 horas, repetirase esta temática, que está sendo moi ben acollida polas empresas e autónomos. As sesións de capacitación seguirán o próximo día 29 de xullo cunha sesión sobre aplicacións móbiles para as pemes, ás 13:00 horas. Esta serie de sesións completarase cun taller sobre cómo triunfar cunha tenda en liña, que terá lugar o 30 de xullo ás 20:00 horas, dirixida por un especialista na materia como Leonard Pera. Todas estas sesións realizaranse na aula de actividades do CPAE 2.0 do Centro ExpoSalnés, no paseo da Calzada de Cambados.
Como sinalan desde o servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, nestes obradoiros tratarase de forma práctica a presenza en liña das empresas, e daranse recomendacións sobre o manexo de aplicacións básicas coma o correo electrónico, a utilización de Google e de Google apps para os negocios, recursos e ferramentas para os negocios, almacenamento na nube, comercio electrónico para micropemes e aplicacións móbiles para as micropemes.
Todas as micro empresas e autónomos das comarcas do Salnés e de Caldas poden solicitar cita previa para ser asesorados ou para acudir a estas sesións de capacitación tecnolóxica no portal web www.cpae20.depo.es, a través do teléfono 886 20 20 20 ou no enderezo electrónico info.cpae20@depo.es











