Os alumnos do Conservatorio de Vilagarcía acadan os primeiros postos para acceder aos centros profesionais de Vigo e A Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os alumnos que remataron os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía obtiveron uns excelentes resultados nas probas de acceso aos Conservatorios Superiores de Vigo e A Coruña, quedando situados nos primeiros postos das súas respectivas especialidades. Dende o centro vilagarcián celébrase este feito, non xa porque alumnos da cidade poderán continuar cos seus estudos superiores, senón pola gran satisfacción que significa para todo o profesorado do Conservatorio, xa que esta é a mellor recompensa que un profesor e un centro poden acadar.

Adrián Martínez Vieites acadou a primeira praza da especialidade de Tuba no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, e José Ramiro Pérez González, que rematou os estudos no curso 12-13 no centro, obtivo tamén a primeira praza na especialidade de Trombón.

Artur Silveiro García acadou a terceira praza da Especialidade de Composición e José Manuel Ruán López acadou o quinto posto, ámbolos dous en Vigo.

Juan José López Pereira obtivo a segunda praza na Especialidade de Clarinete en Vigo e así mesmo acadou uns magníficos resultados na proba que realizou en MUSIKENE, Centro Superior de Música del Pais Vasco en San Sebastián, onde estivo a punto de lograr acadar unha das dúas prazas que se ofertaban.

Por último, Artur Silveiro García obtivo igualmente praza para a Especialidade de Clarinete, no centro de A Coruña.

MÁIS MATRÍCULAS

O Conservatorio vilagarcián pechou recentemente a matrícula da convocatoria ordinaria de xuño para o curso académico 2014-15. Os resultados obtidos nas probas de acceso ao centro son moi bos, segundo apunta a dirección, xa que o número de alumnos inscritos nas mesmas aumentou de forma considerable para o vindeiro curso 2014-15 ao tempo que todas as novas altas que se produciron foron en moi diversas especialidades instrumentais.

A día de hoxe o Conservatorio xa ten máis alumnos matriculados que en anos anteriores, pendente aínda da matriculación da convocatoria extraordinaria de setembro.

Dende a dirección do centro subliñan que se tentará dar resposta ao maior número de solicitudes posible, ao tempo que se terán en consideración as listas de espera existentes da convocatoria ordinaria de xuño, especialmente no grao elemental. Será no mes de setembro cando se proceda ao chamamento dos alumnos en lista de espera.

As especialidades instrumentais que se imparten no Conservatorio Profesional de Música son: clarinete, frauta, saxofón, gaita, guitarra, percusión, piano, trompeta, trompa, trombón, violín e violonchelo.

16 de xullo de 2014 | 11:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.