Os actos vandálicos deixan sen iluminación pública ao lugar de Aluncía

Desperfectos no cadro eléctrico
Uns descoñecidos arrincaron por completo o cadro eléctrico que dá servizo á iluminación pública do lugar de Aluncía parroquia de Xustáns, no termo municipal de Ponte Caldelas. Segundo denuncia veciñal, ao parecer a pasada madrugada un grupo de persoas procederon a esnaquizar o cadro eléctrico que dá servizo nocturno aos farois que iluminan este lugar de Aluncía.
Unha vez dado o aviso por parte dos veciños, desprazáronse ao lugar dos feitos tanto efectivos da Policía Local de Ponte Caldelas como operarios municipais quen puideron comprobar a gravidade dos danos vandálicos ocasionados e que provocaron, ademais do consabido gasto económico ao Concello, que os veciños deste lugar se vexan privados da iluminación pública mentres dura a súa reparación.
Os axentes da Policía Local iniciaron as pescudas necesarias para dar cos autores deste acto vandálico que tantos trastornos ocasiona non só ao persoal municipal senón tamén aos veciños afectados.











