Orozco manifesta o seu respecto polo segredo das actuacións xudiciais
En relación coa nota de prensa do Xulgado de Instrucción número 1 de Lugo, difundida polo Gabinete de Comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Concello de Lugo vese na obriga de precisar o seguinte:
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, é absolutamente respectuoso co segredo sumarial declarado polo Xulgado de Instrucción número 1 de Lugo nunhas dilixencias que ten abertas e que motivaron, a pasada semana, unha actuación en dependencias municipais por parte de axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira.
O Alcalde de Lugo recibiu un oficio no que se lle advirte, por dúas veces, do segredo que pesa sobre esas actuacións. Esa é unha advertencia que figura tanto no encabezamento do escrito, no que figura a lenda “Secreto sumarial”, como ó pé do oficio, onde se lle dá expresamente o seguinte aviso: “Se le hace saber que estas actuaciones se encuentran declaradas secretas”.
O Alcalde de Lugo sempre dá cumprimento ás obrigas legais, como debe facer calquer cidadán de ben, máxime cando se trata de quen dirixe unha institución pública en representación dos cidadáns, como é o Concello de Lugo.
Este é o motivo polo que José López Orozco non puido proporcionar información ningunha ós xornalistas cando lle foron formuladas preguntas reiteradamente, durante dous días, sobre a cuestión, dende distintos medios de comunicación.
Pese a elo, os medios de comunicación de Lugo, dentro do seu lexítimo dereito á información, sí tiveron ocasión de obter, por outras vías, e de publicar detalles que foron divulgados sobre a referida actuación xudicial.
Ésa foi, precisamente, a cuestión á que se referiu o Alcalde de Lugo nunha resposta que deu a preguntas dos xornalistas, durante un acto público convocado con outro motivo, e que, sorprendentemente, deu lugar ó referido comunicado, no que o Xulgado de instrucción número 1 de Lugo puxo en entredito a palabra do Alcalde de Lugo, cunha dilixencia digna de mellor causa, mesmo nunha xornada festiva como é a do día 25 de xullo.











