Observación astronómica nocturna no miradoiro da Grela en Lampai

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo convoca de novo a mirar as estrelas. Nesta ocasión o lugar elixido é o alto de Lampai, no miradoiro da Grela. E o día este mércores 23 de xullo ás 22:30 horas. Para participar nesta actividade de divulgación da astronomía non é preciso anotarse. Só hai que ser puntuais á cita.

No mes de xuño fíxose outra observación na zona de Vilar de Calo na que participaron varias ducias de persoas polo que esta semana se agarda tamén unha boa participación.

O Concello de Teo participa no programa TodoCosmos, unha iniciativa de divulgación científica impulsada polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC co que se quere achegar o mundo da astronomía ao conxunto da sociedade a través de actividades indicadas para todas as idades e colectivos. As observacións xa se fixeron tamén nos colexios antes do remate do curso escolar.

Deste xeito calquera persoa pode participar nesta iniciativa e observar as estrelas ou os planetas con potentes telescopios do observatorio astronómico da USC. Ademais do material técnico tamén haberá persoal especializado que dará unha pequena explicación teórica sobre o que se ve no ceo. O programa TodoCosmos está financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e conta coa colaboración de Teo e dos Concellos de Santiago, Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo e Sanxenxo e a empresa Óptica Val.

A observación que se vai facer en Lampai estaba pensada para esta pasada fin de semana, pero houbo que cambiar a data polo mal tempo.

 

21 de xullo de 2014 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.