O XXII Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra será inaugurado co eclecticismo de Gabriel Peso Trío

Gabriel Peso
Gabriel Peso Trío abrirá o próximo 21 de xullo ás 22:30 horas a XXII edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. A Praza do Teucro acollerá a presentación do seu primeiro disco ‘Sinapsis’, un traballo ecléctico que mestura blues e sons do rock progresivo co lirismo do jazz europeo e as raíces da música galega.
Unha experiencia auditiva liderada polo piano do pontevedrés Gabriel Peso que recala na súa cidade natal para actuar xunto ao virtuosismo do contrabaixo de Kin García e a potencia da batería Noli Torres. O trío, que pasou anteriormente por outras citas de interese como ‘Imaxinasons’, os Festivais de Jazz de Noia e Pontareas ou ‘Iberojazz’, cumpren este ano cunha das súas principais inquietudes, a de participar nunha das súas citas de referencia, o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra.
A praza con nome de heroe grego acollerá a interpretación dos temas de ‘Sinapsis’, un traballo con alma, que nace das mesmas entrañas do soul para espir os seus trazos máis primarios e á vez emborracharse da improvisación e os sons máis modernos. Pero tamén hai cabida para os ecos da tradicional muñeira que marcou a traxectoria de Gabriel Peso con tan só 4 anos cando xa a interpretaba.
Unha vida dedicada ao frenesí musical que outorgaron ao novo músico pontevedrés galardóns como o Premio á excelencia musical Mans Futuro da Fundación Paideia e a Consellería de Cultura, ou un posto de finalista no European Jazz Contest de Roma 2010, tras graduarse con Matrícula de Honra no Conservatorio Superior de Música da Coruña.
Os 10 temas orixinais de ‘Sinapsis’ mostran a inquietude de quen nin sequera se cingue ao compás en rigoroso directo para deixarse levar pola improvisación. Esa é a maxia de Gabriel Peso Trío, capaz de impregnar en pezas clásicas o seu carácter e paixón polo jazz e o blues, dotándolles dun renacemento que bebe de tradición e innovación.
Gabriel Peso é un dos jazzmen con maior proxección na escena española e así o viron xa artistas como Paloma San Basilio, Malú, Javier Gurruchaga, Merche, Manu Tenorio, Nuria Fergó, Melendi, Falete ou Pitingo, quen contaron con Peso para as súas actuacións en directo.











