O xulgado que investigará a morte do bañista en Vigo permanece á espera de recibir o atestado policial
O xulgado de instrución número 5 de Vigo, que se encargará de investigar a morte dun bañista arrastrado por unha embarcación está á espera de recibir o atestado policial sobre os feitos, polo que non se prevé que se realicen dilixencias nas próximas horas, segundo confirmaron fontes xudiciais.
Na parte policial, a Garda Civil fíxose cargo das pescudas, e xa tomou declaración aos dous tripulantes da lancha que arrastrou a vítima, Marcos C., 47 anos, pai de dous nenos.
A Benemérita imputou ao piloto da embarcación por un suposto delito de homicidio imprudente, aínda que tanto el como o seu acompañante deron negativo nas probas de alcoholemia e drogas.
Os feitos aconteceron sobre as 20,30 horas do mércores, cando a lancha, que navegaba a poucos metros da costa na zona de Punta Lagoa, se botou enriba do home, que estaba a nadar. Nin as advertencias da vítima nin doutras persoas, que trataron de alertar os pescadores, puideron evitar o choque.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Policía Nacional, Garda Civil e Protección Civil, así como dúas ambulancias do 061, pero os sanitarios non puideron facer nada por salvar a vida do bañista.











