O voceiro nacional do BNG mostra o seu apoio incondicional en Pontevedra
O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, visitou este mércores o Concello de Pontevedra para mostrar o apoio “incondicional” da súa formación á decisión do goberno municipal de Pontevedra de aboar unha paga de produtividade aos seus funcionarios, como forma de compensar a extra que o Goberno ordenou retirar en 2012.
Un complemento que deberán devolver tras a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que, segundo o nacionalista, ofrece unha interpretación “torcida e política”.
Xavier Vence asegurou que está “absolutamente orgulloso” de que se incumpriran as directrices dun Goberno que tomaba “medidas de recortes inxustas e cuestionadas polo BNG dende o primeiro momento”. Buscábase responder, dixo, a unha “política de agresión” contra os dereitos dos traballadores.
Ao pagar ese complemento para compensar a perda da paga extraordinaria, “buscando fórmulas legais”, segundo subliñou Vence, o goberno municipal de Pontevedra “demostrou sensibilidade social e o seu compromiso por defender conquistas históricas dos traballadores”.
Así, afirmou estar “satisfeito” de que as institucións controladas polos nacionalistas “non se dobreguen ás directrices cuestionables de atacar os traballadores dun modo tan radical”.
“NON SE SOSTÉN”
O voceiro nacional do Bloque destacou que “o que non se pode comprender” é que o TSXG revogara o acordo do goberno municipal. Afirmou que a sentenza “non se sostén” a nivel xurídico e acusou directamente o Partido Popular de Pontevedra de ser quen levou este asunto aos tribunais. É “esclarecedor”, sinalou, antes de advertir de que, “a estas alturas, deberían estar a pensar na valoración que os cidadáns fan desta utilización política”.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, adiantou que os servizos xurídicos municipais están a analizar “tódalas posibilidades” para facer fronte a unha situación “absolutamente inxusta”.
Neste escenario, avanzou que o ánimo do goberno municipal é cumprir a sentenza, pero reiterou que é de difícil execución e mostrou a súa esperanza de que non haxa que aplicala na súa totalidade.
“PERSECUCIÓN POLÍTICA”
Fernández Lores insistiu en defender a legalidade do pagamento deste complemento de produtividade e reiterou que a sentenza do TSXG é, ao seu xuízo, “discriminatoria”, porque non obriga a devolver o diñeiro a todos os traballadores municipais e porque demostra, dixo, a “persecución política” do Goberno contra Pontevedra porque, segundo dixo, outros concellos e institucións aprobaron pagamentos similares e non se recorreu ante o xulgado.
“Non sei como se pode defender politicamente” que se presentara recurso só contra Pontevedra, reiterou o alcalde. É “inaudito”, dixo, que “se fas as cousas a con transparencia é punible e que o fagas ás agachadas, non”.
E foi máis alá ao lamentar que a xustiza sexa diferente en Pontevedra, onde o xulgado avalou a tese da Casa do concello, e na Coruña, onde o TSXG sentenciou en contra desta decisión municipal. “Non é serio”, concluíu.











